Condenan a 32 anos un salesiano de Vigo por abusar de seis menores
Condenan a 32 anos un salesiano de Vigo por abusar de seis menores
Tamén se lle impón o pagamento dunha indemnización de 76.000 euros ao conxunto das vítimas
O sacerdote e profesor de relixión do colexio Salesianos de Vigo acusado de abusar de seis alumnos do centro en 2019, cando tiñan 15 anos, mentres realizaban actividades extraescolares foi condenado a 32 anos e medio de prisión e a 36 anos de liberdade vixiada.
En concreto, os feitos sucederon nun campamento que tivo lugar en Cambados e nunha peregrinación a Santiago de Compostela, e, respecto a un dos menores, mentres vían un partido de fútbol nunha asociación xuvenil da que o colexio estaba a cargo.
Así o decretou a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, que considera acreditado que o investigado cometeu sete delitos de abuso sexual, tres deles continuados, asegura o TSXG nun comunicado.
Ademais da pena de prisión, na sentenza tamén se lle impón o pagamento dunha indemnización de 76.000 euros ao conxunto das vítimas, pois entende que "non cabe ningunha dúbida de que todas e cada unha delas sufriron un dano psicolóxico evidente", e mais a inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que implique contacto regular e directo con menores de idade por tempo superior en 31 anos ao de duración da pena de prisión imposta.
O tribunal asegura que o acusado aproveitou "a situación de superioridade derivada da súa profesión", da confianza que os menores depositaran nel e da relación de amizade que os unía, "que ía máis aló da de profesor-alumno", para realizarlles tocamentos.
Os maxistrados salientan na sentenza que a determinación da autoría do sospeitoso foi consecuencia, fundamentalmente, do testemuño das vítimas dos abusos, as cales declararon que quedaron "en choque" cando lles ocorreu, sen ser capaces de reaccionar porque non podían crer que o sospeitoso lles puidese facer algo así.