A cadea ABC acorda pagarlle 15 millóns de dólares a Trump por difamación
A cadea ABC acorda pagarlle 15 millóns de dólares a Trump por difamación
O seu principal presentador dixo en varias ocasións que o presidente electo fora declarado culpable de violar a escritora E. Jean Carroll
Un tribunal condenou a Donald Trump de abusar sexualmente da muller, pero non de violala
A cadea de noticias ABC e o seu principal presentador George Stephanopoulos acordaron pagar a Donald Trump 15 millóns de dólares para resolver unha demanda por difamación, interposta polo presidente electo.
A demanda, interposta o pasado 15 de xullo na corte do distrito sur de Florida, acusa a Stephanopoulos de facer declaracións con malicia e coñecendo que eran falsas sobre o caso da escritora E. Jean Carroll.
O acordo que se deu a coñecer ao público este sábado, require que ABC pague os 15 millóns a unha "fundación presidencial e museo que se establecerá por ou para o demandante", segundo documentos xudiciais.
Ademais, a cadea terá que pagar 1 millón de dólares en honorarios de avogados de Trump e xunto a Stephanopoulos emitirá declaracións de "arrepentimento".
Co acordo a cadea de noticias, o xornalista e o presidente electo evitan un xuízo que estaba próximo a empezar.
Na querela legal, Trump acusaba o presentador do popular programa This Week With George Stephanopoulos de dicir falsamente en varias ocasións que o presidente electo fora declarado culpable por violar a Carroll.
Abuso sexual
En maio pasado, un xurado xa condenou o presidente electo por abuso sexual -por inserir os seus dedos na vaxina de Carroll sen consentimento nun episodio sucedido nos anos noventa nos vestiarios duns grandes almacéns-, así como por difamala posteriormente.
O xurado declarara a Trump responsable de abuso sexual, pero non de violación, e obrigouno a pagar 5 millóns de dólares a Carroll.