Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan a sete anos de prisión un home que provocou un incendio no seu edificio

Condenan a sete anos de prisión un home que provocou un incendio no seu edificio

Non poderá achegarse a menos de 300 metros do inmoble onde cometeu os feitos durante oito anos

O acusado polo incendio dun edificio en Ourense: "Non lle prendín lume a nada"

Palacio de Xustiza de Ourense, sede da Audiencia Provincial Palacio de Xustiza de Ourense, sede da Audiencia Provincial
G24.gal 17/12/2024 18:07

En Ourense condenan a sete anos de prisión un home por prender lume no edificio onde residía en réxime de alugueiro tras ameazar os seus veciños con queimalos.

O tribunal, que o considerou autor dun delito de incendio con perigo para a vida e integridade física das persoas, tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros do inmoble onde cometeu os feitos durante oito anos, así como o pago dunha indemnización de 7.537 euros a unha das súas veciñas afectadas e de 41 euros a outra das prexudicadas.

Na sentenza, os maxistrados consideran acreditado que o 22 de febreiro de 2024 o acusado accedeu "en grande estado de axitación ao inmoble" e, ao subir as escaleiras, gritaba "vou matar, isto é unha merda", á vez que golpeaba todo o que se atopaba ao seu paso.

A sala indica que, debido aos berros e golpes, que tamén deu no interior do seu domicilio, unha das veciñas alertou a policía. Unha dotación trasladouse ao lugar dos feitos e, tras entrevistarse co procesado e comprobar que na vivenda se achaba só, os axentes abandonaron o edificio.

"Tras marchar a Policía, o acusado, máis molesto aínda pola presenza policial, continuou dando golpes e gritando", dicindo, entre outras expresións, "vouvos queimar vivos" ou "estes vanse decatar, vouna lear gorda".

Logo baixou as escaleiras, deténdose no relanzo do piso primeiro para prender lume na grilanda de Nadal que se atopaba colgada na porta e tamén no moble situado no relanzo.

A continuación, plantou lume noutro moble que se atopaba no relanzo do segundo piso para, posteriormente, ocultarse no seu domicilio.

Como consecuencia destes feitos, o lume comezou a propagarse polo interior do edificio xerando unha gran cantidade de fume, o que obrigou os moradores que naqueles momentos se atopaban no inmoble a refuxiarse nos balcóns e a taponar a porta de acceso á súa vivenda con toallas molladas, situación na que permaneceron ata que foron rescatados sen sufrir danos.

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade