Interveñen 48 quilos de percebes a furtivos na Mariña
Interveñen 48 quilos de percebes a furtivos na Mariña
Trátase dunha das maiores incautacións de percebes extraídos de forma ilegal na Mariña
A Garda Civil interveu 48 quilos de percebes a tres pescadores furtivos, todos veciños de Cedeira.
Os axentes acúsanos dun delito contra a flora e a fauna.
Os feitos sucederon este luns pola mañá nunha zona costeira situada entre os illotes dos Netos e o faro de Roncadoira, no termo municipal de Xove.
Tras ter constancia da presenza de furtivos na zona, os axentes localizaron un turismo de alugueiro, oculto entre as árbores e a maleza.
Os mariscadores levaban no maleteiro varios traxes de neopreno, calzado, luvas e utensilios habitualmente empregados nos labores de extracción de percebes.
Non atoparon, con todo, as supostas capturas realizadas unhas horas antes, pero axentes do Seprona, “coñecedores do modus operandi dos furtivos”, buscáronas nunha zona de maleza bastante densa, próxima ao lugar por onde saíron do mar.
Alí atoparon escondidos varios sacos cunha gran cantidade de percebes. Posteriormente comprobouse que pesaban 48 quilos.
Os percebes intervidos foron entregados a un “centro benéfico”, tras a elaboración previa dun informe de mostraxe por parte dos biólogos da Xunta de Galicia.
Trátase dunha das maiores incautacións de percebes extraídos de forma ilegal na Mariña nos últimos anos. Na operación tamén participaron efectivos do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia.