32 graos en abril, a provincia de Ourense marca este mércores as máximas de España
32,4º graos rexistrados en Leiro e 32,3º no centro da capital, os valores máximos rexistrados este mércores
As beiras dos ríos, os paseos e as terrazas están ateigadas de xente para disfrutar dun día de verán
Coma nos mellores días do verán, a rapazada concéntrase ás beiras do río para tomar o sol e chapuzar nas frescas augas do Miño.
Comezos de abril e xa houbo quen botou man do kit estival para sacar proveito desta calor nada habitual nesta época, malia tratarmos con humanos acostumados ás altas temperaturas.
"Estamos acostumados, é Ourense, pero si, chégalle ben".
"Non é o normal, pero agradécese, hai que aproveitalo".
"Non quero imaxinar como será en agosto aquí, se agora en abril teñen esta calor", son algúns dos comentarios da xente que paseaba polo sendeiro a carón do río, preto das piscinas de Oira.
Ata os 32,4 graos subiu o mercurio en Leiro, e unha décima menos marcou no centro de Ourense.
Os planos dos termómetros ao sol con valores propios do planeta Venus volven encher os noticieiros.
A provincia rexistrou tamén a temperatura máis baixa, outro clásico, Calvos de Randín, con 3,4 graos.
Unha oscilación térmica que desencaixa o esqueleto.
"Cando se mete o sol xa refresca bastante. Pero si, ao mellor agora estou demasiado abrigado", recoñece un ciclista que leva a chaqueta posta.
"Cando en abril vai esta calor, en maio seguro que se fastidia a cousa, haberá tormentas, e sarabia", di outra señora.
A primavera é así, variable e móbil qual piuma al vento, e xa para a fin de semana cambian as tornas. Volve a chuvia e modérase esta calor intempestiva.