Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un aperitivo do verán enche de xente praias e terrazas de toda Galicia

Un aperitivo do verán enche de xente praias e terrazas de toda Galicia

Rías Altas e Baixas ofrecen imaxes similares con areais cheos de bañistas 

O bo tempo anima a xente a facer vida ao aire libre antes de que volva a chuvia

G24.gal 08/04/2025 14:35

Xornada case de verán, cunha suba das máximas polo serán, sobre todo nas Rías Baixas. A palma lévaa de novo a provincia de Ourense, que xa o luns marcou o récord de toda a península, cos 28 graos de Leiro. O mércores alcanzaremos o teito deste episodio de calor, e poderemos chegar aos 30 graos na provincia de Ourense.

Na costa non chegan a tanto, pero había ganas de sol e nótase en rúas, prazas e espazos públicos de toda Galicia. E sobre todo nas praias. A xente semella dicir adeus ao inverno, polo menos de momento. Un visitante da praia de Samil comenta que "todo o mundo semella feliz, é bo tamén por ter un pouco de vitamina D". Outro salienta que "agora empeza a vir turismo, a xente quere tomar o sol, e gozalo". 

Moitos aproveitan para estar coas mascotas na praia, agora que aínda se pode. O bo tempo mellora a saúde e o humor de moitos, malia que son conscientes de que a primavera é unha estación traizoeira. Unha murciana afincada en Vigo non se queixa do mal tempo: "Está ben a chuvia e que vaia alternando unha cousa coa outra". Outra, resignada, di que "a ver o que dura".

Pero non só é cousa das Rías Baixas. Ao norte a imaxe é a mesma: os primeiros bañistas da temporada despregan toallas e asistimos aos primeiros mergullos no mar. Todos coinciden en que hai que aproveitar antes de que marche o sol, "sobre todo despois do inverno que levamos". 

Pero hai moitísima vida máis aló das praias. Estes días solleiros permiten que os nenos por fin poidan sacarlles brillo ás randeeiras e as terrazas énchense de xente con ganas de gozar do aire libre.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar