Día sinalado para os universitarios lucenses, que celebran a Festa da Carballeira
Comezou a organizarse case ao mesmo tempo da creación do campus e sempre tivo como escenario a carballeira de Fingoi, onde a música, a bebida e a xuntanza cos amigos son os principais atractivos
En Lugo os universitarios viven unha das datas máis sinaladas: a Festa da Carballeira, unha cita que xurdiu como romería case ao mesmo tempo que se puxo en marcha o campus hai máis de 35 anos.
A música, a bebida e a xuntanza cos amigos son os pratos fortes desta celebración que atrae todos os anos centos de estudantes universitarios.
Comentan algúns dos estudantes que "a carballeira é unha festa dos universitarios" e que "a universidade non só é estudar". Valoran a "mestura de estilos musicais", que lles permite elixir ambientes. Aseguran que o obxectivo é "pasalo ben" e "non armar escándalo".
A festa ten lugar sempre o mércores antes das vacacións de Semana Santa na carballeira de Fingoi, nun espazo ideal para refuxiarse do sol. Os veciños das proximidades quéixanse non obstante do ruído da festa e do lixo que queda no lugar.