O ano pasado detectouse menos furtivismo ao haber menos peixe e menos marisco
O Servizo de Gardacostas de Galicia comisou 30.000 quilos menos que en 2023
O Servizo de Gardacostas de Galicia comisou en 2024 algo máis de 28.300 quilos de peixe e marisco ilegais. Son 30.000 quilos menos que o ano anterior.
"Sobre todo porque houbo moi pouca actividade de marisqueo nas praias, xa que as riadas ocasionaron moita mortaldade, e isto afectou tamén ao noso traballo. Tivemos menos furtivos apañando marisco", explica Lino Sexto, subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia.
En todo caso, segundo o Servizo de Gardacostas, que vixía desde a extracción á comercialización dos recursos do mar, a mesmo número de inspeccións anuais, cada vez menos infraccións, algo que achaca en boa medida a unha maior sensibilización fronte ao furtivismo.
"Estamos notando moito a colaboración por parte de toda a cidadanía, e é fundamental que a xente que vexa unha actividade que non sexa lícita se poña en contacto con nós, que nos avisen", puntualiza Lino Sexto.
O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia recorda que ademais de poñer en perigo os recursos, o furtivismo é un risco para a saúde.
"Se non se colle polas canles regulamentarias, non sabemos se vén dunha zona correcta, se foi depurado, se está en condicións de ser consumido", recalca.
Na loita contra o furtivismo tamén traballan a Garda Civil do Mar, a Policía Autonómica, a Policía Local de moitos concellos e os gardapescas das confrarías.