Condenan a cinco anos de cárcere un home que abusou dunha menor, filla dunha amiga
Condenan a cinco anos de cárcere un home que abusou dunha menor, filla dunha amiga
Os maxistrados deron credibilidade á declaración "rotunda e perseverante" da vítima, pero absolveron o acusado doutros abusos
A Audiencia Provincial de Ourense condenou un home a cinco anos de prisión por abusar sexualmente de maneira continuada dunha menor de idade, filla dunha amiga coa que compartía piso.
Con todo, o tribunal absolveuno doutros delitos de natureza similar que lle imputaban con respecto a outros menores.
Ademais, os maxistrados impuxéronlle a prohibición de achegarse a menos de 300 metros do seu domicilio, lugar de estudos ou calquera outro no que se atope a vítima, así como de comunicarse con ela durante cincos anos. En concepto de responsabilidade civil, deberá pagar 4.000 euros polo dano moral causado.
Segundo a sentenza, os feitos ocorreron "en días non determinados e en repetidas ocasións" entre os anos 2013 e 2018, cando o procesado compartía piso coa nai da vítima e se encargaba tamén do coidado dos seus fillos. Durante estas datas indeterminadas, realizoulle diversos tocamentos.
Os maxistrados condenaron o home, ao considerar que a menor foi "rotunda e perseverante" no seu testemuño, xa que expuxo "con detalle explicativo a realidade do acaecido, de modo que a súa declaración é en todo coincidente co antes referido á súa nai, ante a Garda Civil, ás psicólogas, ao xuíz instrutor e, singularmente, ao longo da declaración prestada en xuízo oral".
De feito, o tribunal destaca que "non concorre motivo de resentimento ou de animadversión que permita cualificar de inveraz a manifestación da vítima". Así mesmo, a proba pericial practicada serve para "afianzar a credibilidade do testemuño da menor".
Con todo, a Audiencia absolveu o home doutros feitos que se lle imputaban, ao non ver a proba "dotada do necesario rigor de convicción".