Condutores protestan en Vigo polos problemas nos motores Puretech dos seus coches
Condutores protestan en Vigo polos problemas nos motores Puretech dos seus coches
Hai uns 19.000 vehículos afectados, cuxos propietarios aseguran que teñen que ir con moita frecuencia ao taller
Stellantis aseguran que xa se ampliou a garantía para os vehículos con problemas
Os exteriores da fábrica de Stellantis en Vigo acolleron este sábado unha manifestación convocada pola Asociación de Afectados Stellantis (Afestel) para reclamar unha solución aos motores Pure Tech 1.0 e 1.2 gasolina defectuosos.
Facíano cunha marcha lenta nos arredores da factoría de Stellantis, onde se fabricaron estes motores. Queren meter presión así para que se arranxe este problema, que provoca que os seus vehículos teñan que ir con moita frecuencia ao taller.
Desde este colectivo explican que se trata "dunha anomalía de fabricación" deste tipo de motores utilizados en marcas como Opel, Peugeot, Citroën, DS, Jeep e Toyota, "que consiste nunha degradación paulatina da correa de distribución, o que provoca un elevado consumo de aceite, mal funcionamento da bomba sen carga e outros graves fallos que derivan nunha prematura degradación do motor".
Engaden que "todo iso supón para os propietarios custosas reparacións, xa que os concesionarios non atenden as reclamacións amparándose en que os prazos de garantía venceron ou en que as reparacións non se levaron a cabo no propio concesionario da marca, aínda que hai numerosos usuarios que si o fixeron".
Desde Stellantis sinalaron que a compañía "estende a súa garantía posvenda para casos relacionados con motores de gasolina Puretech 3 cilindros sobre os que se reporta unha prematura degradación da correa de distribución: a correa de distribución pode ser atacada quimicamente por aceite envellecido e degradado; e o material da correa pode obstruír os filtros no circuíto de lubricación, o que pode provocar un problema de presión de aceite".
"Ofrécese unha cobertura adicional de 10 anos ata 175.000 km aos clientes con vehículos matriculados entre abril de 2014 e xuño de 2022", indicaron fontes do grupo automotriz.
A de hoxe foi a primeira manifestación que convocaron os afectados para esixir unha solución "á traxedia que viven: coches de distintas marcas que aos poucos anos da súa compra deixan de funcionar por un fallo do motor", sosteñen desde a citada asociación.
En Galicia, Afestel estima, "tomando datos da DXT", subliñan, que uns 19.000 vehículos están afectados por este tipo de motor: 8.016 na Coruña, 7.342 en Pontevedra, 2.022 en Lugo e 1.718 en Ourense.