A Xunta quere reducir nun 23% a espera media para consultas sanitarias
A Xunta quere reducir nun 23% a espera media para consultas sanitarias
O Sergas pretende recuperar cifras anteriores á pandemia, tamén nun 26 % o tempo para operarse
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) quere reducir nun 23% a espera media para consultas sanitarias e probas diagnósticas e nun 26% o tempo de agarda para operacións. A Xunta aprobou este xoves un plan co que pretende acurtar as esperas na sanidade.
Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras a reunión semanal do Goberno galego, explicou que supoñerá unha "actividade extraordinaria" tanto en centros de saúde como hospitais.
"Un plan ambicioso que intenta recuperar os mellores datos, que foron os do ano 2019, conscientes do esforzo que van facer os profesionais da Sanidade pública, e na necesidade de arbitrar os recursos orzamentarios necesarios para facer todo isto realidade", afirmou Alfonso Rueda.
Así, o Sergas vai intensificar este ano a actividade a maiores da extraordinaria que xa se viña facendo polas tardes, para axilizar operacións e consultas.
O obxectivo é que a espera media para entrar en quirófano para unha operación sexa inferior a 55 días, algo que se conseguirá incrementando a "autoconcertación hospitalaria", a actividade concertada fóra da xornada ordinaria.
Deste xeito o Servizo Galego de Saúde prevé facer no 2023 fóra da xornada ordinaria 20.600 cirurxías, 124 mil consultas e 54 mil probas.
O plan consta de varias medidas, entre elas citar 43.000 doentes crónicos que non pasaron revisión nos últimos seis meses; na Atención Primaria faranse 5.300 probas máis para axilizar esperas; os hospistais comarcais realizarán 4.000 cirurxías adicionais, e vaise reforzar a atención para conseguir que os maiores de 90 anos sexan operados en menos de dous meses e que os menores de 14 non teñan que esperar dous meses por unha proba.
Tamén, para reducir os tempos de espera nas intervencións cirúrxicas, prevese a mobilización dos recursos cirúrxicos dispoñibles.
As especialidades nas que se realizará este "apoio" serán oftalmoloxía no hospital público de Pontevedra, cirurxía torácica e cardíaca no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e cirurxía pediátrica no Hospital da Coruña.
Deste xeito, o hospital de referencia ofrecerá ao paciente a posibilidade de ser intervido noutro centro hospitalario do Sergas en menos de 2 meses. No caso de que o paciente non acepte a intervención, leste continuará en situación de espera estrutural, coa mesma antigüidade e prioridade. A través desta modalidade realizaranse até 300 cirurxías adicionais.
Renove de electrodomésticos
A Xunta tamén aprobou hoxe unha nova convocatoria do programa Renove para electrodomésticos. Habilitaranse 3 millóns de euros en axudas de entre 100 e 450 euros para cambiar frigoríficos, lavadoras ou lavalouzas; cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario. As axudas poden solicitarse na propia tenda a partir do 8 de febreiro.
Concentración parcelaria
A Xunta vai destinar este ano 17 millóns de euros a concentracións parcelarias en sete concellos. Esta nova agrupación de parcelas vai afectar nove mil hectáreas e vai beneficiar 5.600 propietarios de terras. Alfonso Rueda lembra que dende o 2009 o Goberno galego leva investidos 120 millóns en concentracións parcelarias, que, explica o presidente, reducen custos ás explotacións e axudan a fixar poboación e reducir incendios.