Detidas sete persoas e comisados varios quilos de cocaína e unha lancha de tres motores en Vilanova
Detidas sete persoas e comisados varios quilos de cocaína e unha lancha de tres motores en Vilanova
A embarcación apareceu no mesmo areal en que en Noiteboa foi atopada outra planadora
É a primeira vez que narcos non galegos -neste caso albaneses- realizan unha descarga de cocaína nas Rías Baixas
A Garda Civil e a Policía Nacional desenvolveron, conxuntamente, un operativo contra o narcotráfico en que foron detidas sete persoas e comisaron unha "importante cantidade" de cocaína e unha lancha semirríxida con tres motores varada nunha praia de Vilanova de Arousa.
Así o informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que detallou que, no marco do operativo que tivo lugar na madrugada deste mércores, os axentes realizaron varios rexistros.
Desta forma, confiscaron "unha importante cantidade" de cocaína distribuída en fardos e, tamén, útiles e materiais relacionados co narcotráfico.
A embarcación apareceu na zona de Rego do Alcalde, en San Miguel de Deiro, no mesmo lugar onde o día de Noiteboa foi localizado un tractor e unha lancha semirríxida con tres motores.
A investigación, que se atopa baixo secreto de sumario, está dirixida polo Xulgado número 3 de Vilagarcía de Arousa.
Os arrestados, ata o momento, son todos de orixe albanesa, segundo informaron fontes coñecedoras da investigación Este sería o primeiro golpe, do cal se ten coñecemento, no que unha banda de orixe balcánico tenta realizar unha descarga de droga directamente nas costas galegas.
Con todo, estes feitos constatan a presenza deste tipo de organizacións centroeuropeas en Galicia.
A pasada semana, tres cidadáns belgas e seis albaneses, foron detidos en Vigo pola súa suposta vinculación cunha partida de 1.100 quilos de cocaína localizada no interior dun contedor que chegou ao porto de Vigo.
Abel Losada mostrou a súa satisfacción e enxalzou o traballo conxunto e "perfectamente coordinado" da Garda Civil, a Policía Nacional e as autoridades xudiciais correspondentes.