Continúan na costa galega as candorcas avistadas no mes de setembro
Continúan na costa galega as candorcas avistadas no mes de setembro
A semana pasada víronas nas Ons e en Fisterra
O equipo de investigadores do Grove que as ten identificadas cre que seguirán en augas galegas ata finais de outubro
No instituto de investigacións mariñas do Grove téñeno claro. O grupo de oito candorcas que teñen identificado e que avistaron na costa galega durante todo o mes de setembro, segue aquí, na zona das rías baixas.
"Nós as avistamos nos baixos de Corrubedo e a semana pasada avistáronas na mesma zona e tamén á altura das illas Ons temos unha notificación e tamén en Fisterra".
Téñenos identificados pola aleta dorsal e pola coloración corporal. Son oito animais, sete femias de distintas idades e un macho adulto. E cren que a súa presenza na costa galega está relacionada co seu alimento principal, o atún.
"Todo apunta ao que levamos estudando en relación ao atún vermello. O atún é o seu alimento principal e por iso temos previsto que ata ben entrado outubro non emigrarán cara ao sur da península Ibérica e mesmo ao norte de África".
Nun día poden percorrer un radio de 80 quilómetros. O último tropezo cunha embarcación tivérono hai tres días na zona de Ons. Bateron co temón dun barco de vela, sen causarlle danos. O patrón abandonou a zona, tal e como se aconsella facer nestes casos.