As candorcas volven visitar o interior da ría de Arousa
As candorcas volven visitar o interior da ría de Arousa
Danaron o temón dun veleiro finés que interaccionou con elas preto do Grove
Os expertos do BDRI localizaron un grupo de oito exemplares na saída da ría
Olli e Tulla recupéranse do susto no porto de San Vicente despois de que as candorcas deixaran en moi mal estado a pa do seu temón cando navegaban a dúas millas do Grove.
"Escoitei un ruído enorme, despois un golpe, a roda do temón tremía, no momento pensei que impactara cunha boia", di Olli.
"Tiña medo, parecía algo irreal, nunca pensas que che vai pasar a ti", di Tulla, que si viu unha forma negra de candorca no mar.
Alertados por este e outros avistamentos na xornada do luns, os biólogos do BDRI comprobaron que formaban parte dun grupo de oito exemplares que localizaron na saída da ría de Arousa.
"É o segundo ano consecutivo que as vemos dentro da ría, pero en realidade non é raro, se lle preguntas a xente maior, os vellos mariñeiros recordan que as candorcas antigamente chegaban ata as bateas", explica Bruno Díaz, biólogo e director do BDRI do Grove.
Segundo estes expertos, a súa intención é adestrar para a pesca de atúns, tomando o temón como se fose a aleta do peixe.
"Buscan estratexias para ter unha pesca eficaz, adestran para cando teñan que ir detrás do atún vermello, que é moi grande e moi rápido", engade Bruno.
Para previr incidentes piden extremar a precaución, e estar moi pendentes das aplicacións onde se reportan os avistamentos para evitalas na medida do posible.