Publicador de contidos
Publicador de contidos

A abundancia de plancto explica a maior presenza de baleas ao final do verán

A abundancia de plancto explica a maior presenza de baleas ao final do verán

A balea común, que se despraza dende grandes distancias, é a que ten máis presenza nas augas galegas

O centro de investigación mariña BDRI, con sede no Grove, detectou exemplares procedentes do Mediterráneo

G24.gal 07/09/2024 14:20 Última actualización 07/09/2024 15:24

Un grupo dunhas 60 baleas a 10 millas de Fisterra. Este, de hai apenas uns días, é o último dunha serie avistamentos que se veñen repetindo fronte á costa galega ao longo do verán. A maior abundancia de plancto, o principal alimento das baleas, é o que explica que a súa presenza sexa maior nas nosas augas nesta época do ano.

"Ao final do verán estamos ante un pico de afloramento, a produtividade das augas é maior, hai moito plancto, que é o principal alimento das baleas, que neste período do ano veñen alimentarse ás nosas augas", explica o biólogo Bruno Díaz López, director do instituto BDRI .

Esa busca de alimento explica tamén a presenza de candorcas. A dúas millas do Grove produciuse esta semana a última interacción cun veleiro, ao que lle romperon o temón. Segundo din desde o centro de investigación mariña BDRI, é un adestramento para que os exemplares máis novos aprendan a cazar o atún vermello.

"Amósanlles como perfeccionar e simular os ataques aos atúns vermellos, porque son unha especie que precisa ser golpeada e afastada do grupo. As baleas teñen que aprendelo, e un obxecto habitual son os temóns das embarcacións", asegura Bruno Díaz López.

Desde este ano, as augas galegas forman parte do mapa mundial de áreas importantes para os mamíferos mariños, que promove a Unión Internacional de Conservacion da Natureza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade