Publicador de contidos
Publicador de contidos

As dúas Coreas lanzan por primeira vez mísiles cara ás súas respectivas augas

As dúas Coreas lanzan por primeira vez mísiles cara ás súas respectivas augas

É a primeira vez desde a división de Corea que se produce un incidente destas características, o cal eleva aínda máis a tensión na zona

G24.gal 02/11/2022 08:03 Última actualización 02/11/2022 09:35

As dúas Coreas intercambiaron hoxe lanzamentos de mísiles que por primeira vez caeron nas respectivas augas veciñas. O incidente empeora aínda máis un clima de tensión rexional que pode alcanzar cotas históricas.

O exército surcoreano informou primeiro que Pyonyang disparara tres mísiles balísticos de curto alcance desde as proximidades de Wonsan, na costa oriental norcoreana, cara ao mar do Xapón ao redor das 8:51 de hoxe.

"É a primeira vez desde a división (da península) que un lanzamento norcoreano cae nas nosas augas nacionais ao sur da Liña Límite Norte (a que divide as augas de ambos os países)", dixo nun comunicado enviado pouco despois aos medios o tenente xeneral Kang Shin-chul, xefe de operacións do Estado Maior Conxunto (JCS), que engadiu que a acción é "absolutamente inaceptable" e que o exército surcoreano respondería "con decisión".

Este mísil norcoreano caeu ademais a 167 quilómetros ao noroeste da illa de Ulleung, onde se activou a alerta antiaérea, aparentemente porque o mísil parecía inicialmente dirixido aí.

O primeiro nivel de alerta, que implica a publicación de advertencias sonoras en altofalantes municipais e en teléfonos móbiles e televisores, mantívose na illa, duns 9.000 habitantes, durante unhas cinco horas.

O JCS, que sinalou que os detalles con respecto á traxectoria inicial dese proxectil "aínda están a ser analizados", informou pouco despois que Pyonyang disparou hoxe, aparentemente cara ao leste e o oeste, máis de dez mísiles de distintos tipos en total, unha cifra que podería supoñer un récord de ensaios realizados nun só día para o réxime de Pyonyang.

Estes lanzamentos norcoreanos pretenden ser en todo caso unha resposta ás inxentes manobras aéreas que Seúl e Washington celebran ata o venres na rexión.

Na véspera, o réxime de Kim Jong-un xa advertiu que tomaría represalias "máis poderosas" por considerar estes exercicios, que supuxeron a despregadura duns 240 avións, unha ameaza para a súa soberanía.

O exército surcoreano respondeu ao réxime norcoreano dispararando desde cazas F-15 e F-16 tres mísiles de precisión aire-terra "cara a augas en mar aberto ao norte da LLN", o cal supuxo tamén a primeira vez que Seúl envía este tipo de proxectís a augas pertencentes á EEZ do seu veciño.

A tensión na península incrementouse a niveis perigosos nas últimas semanas ante os insistentes lanzamentos norteños, as grandes manobras dos aliados que inclúen activos estratéxicos de Washington e a posibilidade de que Pyonyang, tal e como apuntan os satélites, poida realizar pronto a súa primeira proba nuclear en cinco anos.

Aínda que as cifras varían de acordo co tipo de clasificación, o de hoxe é o lanzamento norcoreano número 36 no que vai de ano (unha cifra récord), segundo a base de datos da ONG estadounidense Nuclear Threat Initiative. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade