Portugal di ter controlados os incendios, avalía danos e prevé xa desmobilizar máis medios
Portugal di ter controlados os incendios, avalía danos e prevé xa desmobilizar máis medios
Malia todo, cinco incendios rurais seguen activos
182 vítimas, entre elas 5 falecidos (catro bombeiros e un civil) e máis dunha decena de feridos graves nunha vaga de incendios que queimou 124.000 hectáreas
As autoridades alertan dos danos que poden causar as chuvias sobre as zonas queimadas
Portugal afronta unha xornada "máis tranquila" de loita contra os incendios, con só 2 activos
A Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil lusa informou este venres de que todos os grandes incendios rexistrados esta semana en Portugal están dominados, nunha xornada na que prevé desmobilizar a "a maioría" dos medios, tanto nacionais como internacionais.
O comandante nacional da ANEPC, André Fernandes, explicou nunha conferencia de prensa no municipio de Oeiras (área metropolitana de Lisboa) que "todas as incidencias que durante o día de onte e a madrugada de hoxe estaban activas foron dadas como dominadas", aínda que aínda hai cinco incendios rurais en curso.
Un dos incendios, situado no municipio de Peso da Régua (distrito de Vila Real, rexión Norte), está considerado como unha "incidencia significativa" e está a ser combatido con 39 efectivos, 11 medios terrestres e dous aéreos.
Por outra banda, hai 22 incendios en fase de resolución. En total, no terreo hai 1.622 efectivos, 495 medios terrestres e tres aéreos.
Desde o sábado, cando comezou esta vaga de incendios, rexistráronse 182 vítimas, entre elas 5 falecidos (catro bombeiros e un civil) e máis dunha decena de feridos graves.
En liña co que avanzou nunha conferencia de prensa este xoves, o comandante reiterou que, "aínda que o dispositivo vai estar ao longo do día", prevese que sexa desmobilizada a "maioría dos medios ao longo do día", tanto nacionais como internacionais.
Ademais dos efectivos portugueses, no país operaron estes días 8 avións anfibios Canadair provenientes de Francia, España e Italia no marco do Mecanismo de Protección Civil da Unión Europea, ademais doutros dous de Marrucos.
Tamén participaban efectivos españois das tres compañías da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF).
O Ministerio de Administración Interna detallou a Efe que os medios estranxeiros "xa foron desmobilizados esta mañá, incluíndo os militares da UME".
Fernandes aproveitou para dirixir unhas palabras de agradecemento pola axuda internacional, en particular a España, Marrocos, Francia, Italia e tamén a Grecia, xa que esta última, "a pesar de non chegar a actuar en territorio continental, puxo ao dispor os seus medios".
A vaga de incendios deixa 124.000 hectáreas queimadas, 5 mortos e 18 feridos graves. E innumerables danos materais, como os que este venres comprobaba Joaquim no seu alpendre. Electrodomésticos, bicicletas, mobles, todo convertido en cinzas.
"Tiven cinco minutos para coller a furgoneta e saír. Cando mirei para atrás xa estaba todo en lapas" lembra.
"Tristeza e rabia", confesa sentir Alexandre. O lume calcinou a granxa onde criaba 38.000 polos. Agora, pensa se paga a pena retomar o negocio.
As autoridades están agora preocupadas polas chuvias que van caer os vindeiros días e que poderían escribir o segundo capítulo deste desastre ambiental.
Os máis de mil incendios declarados desde a fin de semana obrigaron a despregar o maior dispositivo de combate de incendios que se mobilizou nunca en Portugal, segundo datos deste xoves do Executivo luso, con 37.700 efectivos, máis de 10.000 medios terrestres e 8.757 descargas aéreas.