Cuarto Trofeo Zarra para Iago Aspas, alicerce do novo proxecto do Celta
Marcou 17 goles, os mesmos que De Tomás, e igualou a David Villa con catro galardóns
Comeza a planificación dun equipo do que xa se despediron Nolito e Dituro
Iago Aspas rematou outra temporada en que volveu estar nos seus números. O de Moaña marcou 17 goles, fíxose co seu cuarto Trofeo Zarra (cos mesmos goles que o españolista Raúl de Tomás) e igualou a David Villa con catro galardóns.
A regularidade de Aspas é asombrosa. Nunca baixou dos 12 goles xogando co Celta en Primeira División. Os dezasete desta temporada son a súa cuarta mellor marca (a mellor son os 22 da temporada 17-18) e será o alicerce do novo proxecto en Casa Celta.
"Estamos lonxe dos sete primeiros presupostos de La Liga" asegurou Iago logo da derrota diante do Valencia "pero pelexaremos por derrubar esa barreira". O obxectivo principal é a permanencia, pero Europa é un soño apetecible ao que tender cara a unha nova campaña en que haberá revolución no equipo celeste.
Tal e como recoñeceu Coudet "medio equipo do que xogou en Mestalla non continúa para a vindeira temporada". O club xa se despediu de Nolito e manifestou a súa intención de non contar con Denís para a vindeira temporada. Os cedidos tampouco seguirán: Dituro anunciou na súa conta de instagram que deixa o Celta e o mesmo pasará con Galhardo ou Murillo, que tamén confirmou a súa marcha en redes sociais.
