O Frigoríficos, a pechar a permanencia virtual en Nava
Nacho Moyano recupera aos extremos Arnau Fernández e Jaime Gallardo, que non puideron xogar a pasada fin de semana

O Frigoríficos do Morrazo viaxa a terras segovianas, onde este sábado visitará ao Viveiros Herol BM Nava, co obxectivo de sumar un triunfo que lle permita certificar a súa permanencia virtual na liga Asobal.
O equipo dirixido por Nacho Moyano deixou escapar unha inmellorable oportunidade o pasado domingo no Sargal, onde tivo contra as cordas ao Cuenca pero deixouno volver ao partido na segunda parte polos seus numerosos fallos na finalización desde os seis metros.
Esa derrota alongou o sufrimento dun Frigoríficos que está a pagar caro o seu rendemento a domicilio. É o peor visitante da categoría, cunha única vitoria (Guadalaxara) e un empate (Valladolid) no que vai de curso.
De momento, mantén catro puntos de renda sobre a zona de descenso, pero esta semana hai un enfrontamento directo entre o Anaitasuna e o Huesca, os dous equipos que ocupan os postos de descenso con catro puntos menos que o conxunto galego.
Para este partido (18.30 horas, pavillón Guerreiros Nava, coa arbitraxe dos internacionais Álvarez Mata e Bustamante López), Nacho Moyano recupera aos extremos Arnau Fernández e Jaime Gallardo, que non puideron xogar a pasada fin de semana, pero mantén a baixa do lateral dereito Rubén Río