Presentan na Coruña novos fármacos para combater a resistencia das bacterias aos antibióticos
Presentan na Coruña novos fármacos para combater a resistencia das bacterias aos antibióticos
Foi nun curso foi organizado polo departamento de Microbioloxía do CHUAC
Son expertos en microbioloxía, preocupados pola resistencia das bacterias aos antibióticos. A perda de eficacia dos tratamentos en cada vez máis infeccións é un problema inherente á propia evolución biolóxica, pero que se agravou con mal uso e co abuso destes fármacos. Buscan solucións para tratar de frear o avance desta resistencia.
"Temos técnicas de secuenciación xenómica que permiten estudar mellor as bacterias. Permiten seguir estas bacterias, localizalas. Permiten un diagnóstico máis temperán e dispoñemos xa de fármacos comercializados e outros moi preto de comercializarse que nos permiten matar estas bacterias resistentes ou multirresistentes", explica Germán Bou, xefe do servizo de Microbioloxía do CHUAC.
Ante o espectro dos novos fármacos estiveron aprendendo como usalos. Con 150 participantes chegados de todo o país, o curso que acaba de rematar, colocou A Coruña nunha posición de liderado no mundo da resistencia antibiótica en España.
"A maioría dos participantes son microbiólogos clínicos, pero temos representantes doutras especialidades, como coidados intensivos, farmacia hospitalaria, enfermidades infecciosas, anestesioloxía e reanimación, polo tanto é un encontro que reúne moitos especialistas", conta Jorge Arca, microbiólogo clínico no CHUAC
Durante os dous últimos días presentáronse no curso os novos fármacos cos que esperan conseguir unha maior eficacia nos tratamentos, máis seguridade e tamén unha maior eficiencia que permita reducir os custos sanitarios.
"Conseguir medicamentos que realmente eviten todo o que acabas de dicir ti, ingresos, reingresos, as esperas en urxencias e o peor, que pode ser a vida do paciente", apunta Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade