Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dani Alves, condenado a 4 anos e medio de prisión por agresión sexual

Dani Alves, condenado a 4 anos e medio de prisión por agresión sexual

A sentenza aplica a resolución de atenuante porque o futbolista indemnizou a vítima con 150.000 euros antes do xuízo 

Os representantes da vítima, satisfeitos porque "se recoñeceu a súa versión e o seu sufrimento"

A defensa de Alves recorrerá a sentenza e defenderá a súa inocencia "ata o final"

Dani Alves, no banco dos acusados (EFE)
G24.gal 22/02/2024 09:34 Última actualización 22/02/2024 12:07

A Audiencia de Barcelona condenou o futbolista Dani Alves a 4 anos e medio de cárcere por agresión sexual a unha moza no baño dun reservado da discoteca Sutton de Barcelona a noite do 30 decembro de 2022, forzando a vontade da vítima "con uso da violencia".

A sentenza, notificada esta mañá, a sección 21 da Audiencia condena tamén o futbolista a cinco de liberdade vixiada e nove de afastamento da vítima.

A Sala conclúe que se acreditou que Alves "colleu bruscamente" a vítima, tirouna ao chan e, evitando que se puidese mover, violouna, "a pesar de que a denunciante dicía que non, que se quería ir". Segundo a Audiencia, "para a existencia de agresión sexual non é preciso que se produzan lesións físicas nin que conste unha heroica oposición da vítima a manter relacións sexuais".

O coqueteo e as insinuacións non dan carta branca ao abuso ou agresión sexual 

A sentenza remarca que as actitudes de coqueteo "ou mesmo a existencia de insinuacións non supoñen dar carta branca a calquera abuso ou agresión que se produza con posterioridade". E argumenta que "nin que a denunciante bailase de maneira insinuante, nin que achegase as súas nádegas ao acusado, ou que mesmo puidese abrazarse ao acusado, pode facernos supoñer que prestaba o seu consentimento a todo o que posteriormente puidese ocorrer".

Os maxistrados recollen que o consentimento nas relacións sexuais "debe prestarse sempre antes e mesmo durante a práctica do sexo, de tal maneira que unha persoa pode acceder a manter relacións ata certo punto e non mostrar o consentimento para seguir ou a non levar a cabo determinadas condutas sexuais ou facelo de acordo a unhas condicións e non outras". E engaden que nin sequera facer tocamentos a unha persoa, por exemplo, implicaría prestar consentimento para outras prácticas. 

A sentenza atribúelle tamén ao xogador un delito leve de lesións, polas que o multou o tribunal con 9.000 euros.

Atenuante de reparación do dano 

No xuízo, que se celebrou entre o 5 e o 7 de febreiro pasados, a Fiscalía pediu nove anos de cárcere para Alves e a acusación particular, doce. Se ben a sala aplica na súa resolución a atenuante de reparación do dano porque indemnizou á vítima con 150.000 euros antes do xuízo.

Os maxistrados consideran que, aínda que Alves estaba obrigado a depositar unha fianza desta mesma cantidade por danos morais, "o feito de que indicase que esta cantidade lle fora entregada á vítima con independencia do resultado do xuízo, expresa unha vontade reparadora que ten que ser contemplada como unha atenuante".

Dani Alves leva xa 13 meses en prisión provisional desde que foi detido por esta causa, que computan para o cumprimento da condena que recibiu este xoves; por tanto, dos catro anos e medio de pena quedan tres e cinco meses ata terminar a súa condena.

"Recoñécese a versión da vítima e o seu sufrimento"

O tribunal comunicou a sentenza este xoves a todas as partes da causa e ao propio xogador, que foi trasladado de prisión para recibir a sentenza. A Fiscalía reclamaba unha condena de 9 anos de cárcere e a acusación particular, que exerce a denunciante, de 12. A defensa do xogador, que nega a violación, solicitaba a absolución ou, como alternativa, que o futbolista fose condenado a un ano de cárcere por agresión sexual. 

En declaracións aos medios ás portas do Palacio de Xustiza de Barcelona, un representante da acusación particular recoñeceu que "estamos satisfeitos porque é unha condena que recoñece o que soubemos sempre: a verdade da vítima e o sufrimento que houbo, co cal, nese aspecto debemos estar satisfeitos por ela e por todas". Se ben indicou que agora teñen que estudar todos os detalles da sentenza.

A defensa de Alves recorrerá a sentenza e defenderá a súa inocencia "ata o final"

A avogada do exfutbolista Dani Alves, Inés Guardiola, asegurou que recorrerán a sentenza mediante o recurso de apelación e que defenderá a súa inocencia "ata o final".

Fíxoo en declaracións aos medios ao saír da Audiencia de Barcelona, nas que tamén explicou que Alves "está enteiro" e que agora hai que estudar a sentenza, nas súas palabras.

Ao preguntarlle pola condena, dixo que "catro e medio é moito mellor que 9 e 12", e engadiu que esta tarde irá ver o seu cliente.

A sentenza non é firme, aínda pode recorrerse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade