Dani Alves sairá en liberdade tras depositar unha fianza dun millón de euros
Dani Alves sairá en liberdade tras depositar unha fianza dun millón de euros
A Audiencia de Barcelona decide que poida saír en liberdade mentres se resolven os recursos contra a súa condena ao considerar que agora o risco de fuga é menor
A avogada da vítima anuncia un recurso contra a decisión: "Está a facerse unha xustiza para ricos"
A Audiencia de Barcelona acordou deixar en liberdade provisoria o ex-xogador do F. C. Barcelona Dani Alves, baixo fianza dun millón de euros, mentres se resolven os recursos á sentenza que o condenou a catro anos e medio de cárcere por violar unha moza nunha discoteca de Barcelona.
Tras o deposito da fianza, e tras a retirada dos pasaportes de España e do Brasil que ten Alves, o ex-xogador poderá deixar a prisión.
No auto xudicial tamén se acorda a prohibición do condenado de saír do territorio español e a obriga de comparecer semanalmente ante a Audiencia Provincial.
A sección 21 da Audiencia de Barcelona valorou nunha vista este martes a petición da defensa do futbolista para deixalo en liberdade, que se acordou por maioría e cun voto particular dun maxistrado partidario de mantelo en prisión.
Os maxistrados cren que o risco de fuga agora é menor
No seu auto, a Audiencia razoa que, tras a condena a catro anos e medio de cárcere imposto ao acusado, "minorou" o risco de fuga vinculado á gravidade da pena e, aínda que admite que "persiste" certo perigo, este pode ser "contrarrestado" con outras medidas, como a fianza imposta e a prohibición de saír de España.
Outro dos elementos que a sala tivo en conta é que "a pena imposta reduciuse de forma ostensible" en relación coas que pedían as acusacións -de nove a doce anos de cárcere- e que leva xa 14 meses en prisión preventiva.
Como máximo, aduce o tribunal, poderíaselle prorrogar a prisión provisional ata unha vez cumprida a metade da condena, pero "dificilmente" haberá sentenza firme nese período, advirte.
Segundo a sala, o condenado, que na vista de onte interveu por videconferencia ante o tribunal para garantir que non fuxiría se quedaba libre, "expresou o seu firme propósito de permanecer en todo momento á disposición do tribunal", como "fixo desde o inicio do procedemento".
Nese sentido, os maxistrados lembran que Alves viaxou a España, onde actualmente ten fixado o seu domicilio, e entregouse "voluntariamente" ás autoridades cando soubo que se lle investigaba por violación.
Voto particular
Porén un dos tres maxistrados da sala discrepou do criterio da maioría e no seu voto particular di que se debería manter a Alves no cárcere, porque o risco de fuga "non soamente se confirmou, senón que se reforzou" coa condena e a posibilidade de que esta aumente cando se resolvan os recursos.
No seu voto particular, o maxistrado Luis Belestá expón que o "horizonte punitivo" que tiña Alves cando entrou en prisión preventiva non variou, posto que as acusacións continúan solicitando para el nos seus recursos entre 9 e 12 anos de cárcere.
Tamén argumenta que Alves "segue tendo unha gran capacidade económica" -só a súa casa en Esplugues foi comprada por cinco millóns de euros, detalla-, e que o millón de euros imposto como fianza é a cantidade que percibe mensualmente un futbolista de alto nivel.
Ademais, apunta que "a súa contorna persoal, familiar e de amizades, estas últimas de elevado poder adquisitivo", fan viable que lle faciliten a saída de España, mesmo renunciado ao millón de euros depositado como fianza.
Por iso, lembra que O Brasil non entrega os seus nacionais a outro país sen tratado de extradición e que a experiencia demostra a "facilidade con que calquera persoa pode eludir os controis fronteirizos para colocarse en situación de ignorado paradoiro", mesmo sen pasaportes.
Tanto a Fiscalía como a acusación particular opúñanse a que Alves saíse de prisión, mentres que a súa defensa argumentaba que xa cumprira unha cuarta parte da condena que lle fora imposta.
Tras recibir a resolución da Audiencia, a defensa do internacional brasileiro está a tratar de reunir o millón de euros que lle esixe o tribunal: non poderá saír de prisión ata que o deposite na conta do xulgado e se dite un novo auto que acorde a súa liberdade provisoria.
A avogada da vítima recorrerá: "Está a facerse xustiza para ricos"
A avogada da vítima do futbolista, Ester García, asegurou que recorrerá a decisión do de deixalo en liberdade provisoria: "Está a facerse xustiza para ricos", asegurou.
Nunha entrevista en Rac 1, recollida por Europa Press este mércores, manifestou que está "moi sorprendida e moi indignada" con esta resolución.
"Estou moi insatisfeita con esta resolución xudicial. Interpoñeremos un recurso porque cremos que non se axusta ao dereito. Na decisión hai un voto particular que fai constar sentenzas de diferentes seccións que se rectificou sempre con penas inferiores á de Dani Alves", engadiu a avogada.
Ademais, sostivo que o auto se contradí, xa que a Sala di que se establece a liberdade, aínda que sostén que hai risco de fuga: "Se ti entendes que hai risco de fuga, tes que manter prisión preventiva".
Tamén declarou que Alves ten un potencial económico altísimo, e que, aínda que a súa defensa alega que non o ten, García non dubida de que un millón de euros "sácao de onde sexa".
A decisión do tribunal coñeceuse hai pouco máis dunha hora, e a avogada, durante a entrevista, dixo que non puido falar aínda coa vítima porque estaba coa psicóloga.
"Teño ganas de poñerme a traballar. É un escándalo que deixen en liberdade unha persoa que pode conseguir o millón de euros en nada", resolveu.