De Colón a Pedro Madruga, entre o mito e a realidade
De Colón a Pedro Madruga, entre o mito e a realidade
A Universidade de Granada retoma os traballos arqueolóxicos en Poio e Vilaxoán para atopar a relación xenética de Colón con Galicia
Pedro Madruga non era Colón, pero a familia de Soutomaior podería estar relacionada co descubridor de América
O discurso oficial dinos que Cristovo Colón naceu en Xénova, que foi mariño, cartógrafo e gobernador xeral das Indias Occidentais, desde que un 12 de outubro de 1492 puxo un pé nas Bahamas, nun continente ata o momento descoñecido para Europa. Pero desde o século XIX, diversas voces apuntan a unha posible orixe galega, que é o que agora leva á Universidade de Granada a procurar a súa pegada xenética na provincia de Pontevedra. Concretamente, na igrexa de San Salvador de Poio e na igrexa de Sobrán en Vilaxoán.
Os traballos estanse realizando coa colaboración da Asociación Colón Galego Celso García de la Riega, que preside Eduardo Esteban. Desde a Asociación confían en que os traballos demostren a galeguidade de Colón: "As probas toponímicas e da lingua apuntan a que era galego, o que sería moi importante para Galicia e España".
Na procura por determinar a identidade de Colón sae outro nome: o de Pedro Álvarez de Soutomaior, tamén coñecido como Pedro Madruga. Suso Vila, historiador e autor do libro A casa de Soutomaior, desmente esta teoría: "Sabemos que Pedro Madruga faleceu en 1486, antes de que Colón chegase a América, hai moitas incompatibilidades entre as dúas historias".
Pero quen foi Pedro Álvarez de Soutomaior? "Son figuras que non coñecemos moi ben. No caso de Pedro Madruga, temos un personaxe cun carácter especial, cóengo da catedral de Tui. A casa de Soutomaior era próxima á política da Corte de Castela, e nese vencello está tamén a orixe do seu poder".
Pedro Madruga non será Colón, pero non deixa de ser unha figura relevante na nosa historia. No Diario cultural falaron con Eduardo Esteban e Suso Vila para abrir o foco sobre estes dous persoeiros, tan importantes e dos que coñecemos tan pouco.