Publicador de contidos
Publicador de contidos

Colón era un xudeu sefardí español e non xenovés, segundo un documental

Colón era un xudeu sefardí español e non xenovés, segundo un documental

Sitúa o seu nacemento no territorio do arco mediterráneo ou nas Baleares, que pertencían á coroa hispana de Aragón

Presentación do documental o pasado día 10 en Madrid. EFE/Blanca Millez Presentación do documental o pasado día 10 en Madrid. EFE/Blanca Millez
G24.gal 13/10/2024 08:05 Última actualización 13/10/2024 09:22

O documental Colón ADN. A súa verdadeira orixe, emitido este sábado por RTVE, avala a teoría da orixe xudía sefardí española, e non xenovesa, de Cristovo Colón, e sitúa o seu nacemento no territorio do arco mediterráneo ou Baleares que pertencían á coroa hispana de Aragón.

Estas conclusións foron alcanzadas despois de diversas probas xenéticas e científicas realizadas cos datos obtidos dos ósos da catedral de Sevilla do descubridor de América e do seu fillo Hernando, nunha investigación iniciada hai 22 anos polo forense e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Granada, José Antonio Lorente.

A investigación rexeitou o resto de teorías sobre a procedencia de Colón, desde a clásica do seu nacemento en Xénova que sosteñen a maioría de historiadores, e a Real Academia da Historia de España, ás que lle atribuían a súa orixe en Portugal, Galicia, Castela, Cataluña e mesmo Navarra.

Xudeu do Mediterráneo occidental

As probas de ADN practicadas durante anos polo equipo liderado por Lorente en numerosos lugares e sobre posibles ascendentes de Colón descartaron todas as teorías existentes salvo unha, que é a que saíu vitoriosa de todas elas: era xudeu e a súa orixe está no Mediterráneo occidental.

O traballo científico avalou, polo tanto, a investigación defendida por Francesc Albardaner, expresidente do Centre d'Estudos Colombins de Barcelona, que sostiña que o almirante era xudeu e que a teoría xenovesa era falsa porque nesa cidade italiana non había nin comunidade xudía nin sinagoga.

Albardaner mantén que Colón pertencía a unha familia de tecedores de seda de Valencia e que sempre ocultou a súa procedencia porque era xudeu, o que lle podería causar problemas coa Inquisición tras a expulsión dos xudeus en 1492.

"Colón era xudeu, xudeu de cultura, xudeu de relixión, xudeu de nación aquí e sobre todo de corazón, porque este home rezuma xudaísmo nos seus escritos", asegura o defensor desta teoría.

E recibiu a axuda doutros xudeus conversos como o duque de Medinaceli e o escribán e prestamista Luis de Santángel, que se encargaba das finanzas de Fernando O Católico. Por iso tivo acceso á Corte para expoñer o seu proxecto americano, sostén Alberdaner.

Segundo o forense José Antonio Lorente, "tanto no cromosoma E como no mitocondrial de Hernando (fillo de Colón), hai trazos compatibles coa orixe xudía".

Por esta razón, sostén que o ADN sitúa a súa orixe no Mediterráneo occidental e que "se en Xénova non había xudeus no século XV, as probabilidades de que sexa de aí son mínimas".

"Tampouco había unha gran presenza xudía no resto da Península Itálica, co cal o deixariamos moi tenue. Non existen teorías sólidas nin indicios claros de que Cristovo Colón puidese ser francés. Que nos quedaría?: o arco mediterráneo español, as illas Baleares e Sicilia (...) Pero Sicilia tamén sería estraño, porque se non Cristovo Colón escribiría con algúns trazos italianos ou do idioma siciliano, co cal o máis probable é que a súa orixe estea no arco mediterráneo español ou nas Illas Baleares, que naquela época pertencían á coroa de Aragón". 

Entre outras probas esgrimidas pola investigación atópase o uso do idioma castelán por parte de Colón en todas as cartas que se conservan e nas que nunca se aprecia nin unha soa influencia ou palabra italiana. Mesmo escribía nesta lingua nas cartas que remitiu a un banco de Xénova, o cal non ten moito sentido se fose italiano.

Ósos de Colón

Na presentación do documental este xoves, unha especie de thriller histórico, investigadores forenses da Universidade de Granada, liderados por Lorente, confirmaron que os ósos de Cristovo Colón enterrados na Catedral de Sevilla son do navegante.

Esta foi a clave para a resolución do misterio da súa orixe, polo menos, segundo a teoría que avala o documental.

O ADN é parcial, pero foi confirmado polo do seu fillo Hernando Colón, mentres que as probas practicadas aos restos de Diego Colón, ata o de agora considerado irmán do almirante, confirmaron que non era tal, senón un familiar de quinto ou sexto grao.

Por que Colón dixo que era o seu irmán? Outro misterio máis da lenda do almirante do Mar Océana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade