Publicador de contidos
Publicador de contidos

Demandantes de emprego deberán comprometerse a unha procura activa ou serán excluídos das prestacións

Demandantes de emprego deberán comprometerse a unha procura activa ou serán excluídos das prestacións

Tamén estarán obrigados a "non rexeitar traballos que se adaptan ao seu perfil" nin tampouco cursos formativos

Este acordo deberán asinalo tanto as persoas que cobran o paro como as que non

G24.gal 11/11/2024 16:07

Os demandantes de emprego deberán asinar un acordo polo que se comprometen a ter unha procura activa de emprego, que inclúe "non rexeitar traballos que se adaptan ao seu perfil" nin tampouco cursos formativos.

Avanzouno logo do consello da Xunta o presidente do goberno galego, Alfonso Rueda. Os que non cumpran, explicou, "serán retirados das listas de demandantes de emprego" e de "todos os dereitos que se outorgan por estar nestas listas".

O conselleiro de Emprego, José González, detallou que se trata dunha cuestión "ética" e tamén de "eficacia":

"O obxectivo é claro e concreto: mellorar o funcionamento das oficinas de emprego e contribuír á inserción laboral dos galegos que están no paro e que sexan demandantes activos de emprego. Avanzamos nesa afinación de listas para prestar a cada persoa a atención máis adecuada para seguir traballando na consecución dun mercado laboral forte, dinámico e inclusivo", manifestou.

O conselleiro asegurou que se trata de "optimizar" os recursos públicos e que só estean nas listas de desemprego "as persoas realmente interesadas en atopar un traballo", polo que as que asinen o acordo e non o cumpran poderán ser sancionadas.

Este acordo, que deberán asinar tanto as persoas que cobran o paro como as que non, é un paso máis no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que se iniciou en xuño do ano pasado e que incorporou este ano o uso da intelixencia artificial a través da ferramenta EMi.

Desde xuño de 2023, a Xunta xa revisou a través deste programa a situación de 47.579 rexistrados na listas, dos que 7.071 conseguiron un traballo e outros 10.388 deixaron de ser demandantes de emprego, ao redor dun 22 % do total, unha porcentaxe que pode ser "unha boa mostra", segundo González, para o total de 122.000 demandantes de emprego que hai en Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que se trata de "afinar as listas de demandantes de emprego" para que só figuren "as persoas que estean realmente interesadas en atopar un traballo" e destacou que Galicia será "pioneira" en aplicar este acordo de actividade, que está incluído na normativa estatal.

No caso de non asinar ou incumprir o acordo, a persoa será "retirada de forma inmediata" das listas de demandantes de emprego. Se se trata de alguén que non recibe o subsidio de desemprego isto supoñerá que perderán acceso á mediación, tutorización ou priorización nos procesos de intermediación do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) coas empresas.

En canto ás persoas que están a cobrar o paro que non queiran asinar o acordo, ao ser retiradas da lista non só deixarán de percibir a prestación, senón que perderán a antigüidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos