Democracia Ourensana "non será chave" no Hórreo pero vai "rosmar" toda a lexislatura
Democracia Ourensana "non será chave" no Hórreo pero vai "rosmar" toda a lexislatura
O partido que lidera Gonzalo Pérez Jácome obtén un deputado no Parlamento
O alcalde de Ourense e presidente de Democracia Ourensana Gonzalo Pérez Jácome mostrouse satisfeito co escrutinio tras asegurar que aínda que non puideron subir todo o que querían para ser chave na Xunta de Galicia, a súa formación "xa está dentro do Parlamento, e van cambiar as cousas". A formación obtivo uns 15.000 votos na provincia.
Nunha primeira valoración provisional desde un céntrico hotel ourensán, Jácome explicou que o escano de DO é algo "tremendamente significativo" porque "a partir de aquí van cambiar as cousas".
"Este deputado é tremendamente significativo. porque a partir de aquí van cambiar as cousas, non tan rápido como criamos, pero o que si está claro é que van cambiar e este deputado demostra todo", proclamou Jácome, acompañado en todo momento do núcleo duro do partido, o candidato Armando Ojea e o resto da formación.
Nun repaso polos resultados do partido, lembrou que cando empezaron en 2001 pensaban cambiar as cousas, algo que non se puido facer ata 2019, coa entrada de DO na alcaldía.
"E agora na Xunta non entramos sendo chave para cambiar as cousas pero si para conseguilo dentro de moi pouco tempo", insistiu Jácome.
Armando Ojea: "É un primeiro paso"
O candidato Armando Ojea citou un proverbio chinés que di que un primeiro paso é a metade do camiño: "E, efectivamente, esta entrada no Parlamento de Galicia é un primeiro paso".
Para o candidato Ojea, o escano supón "un salto cualitativo", xa que evidencia que foron progresando despois de non concorrer nos anteriores comicios: "Por primeira vez temos representación nunha nova institución".