Lucas Pérez recupera o gol nunha agónica vitoria do Deportivo (2-1)
O dianteiro anotou dous goles na primeira metade e rachou con 1.500 minutos de seca
A Real Sociedade B recortou diferenzas no segundo tempo e estivo moi preto de acadar o empate
Levaba 1.500 minutos sen marcar un gol en partido de liga co Deportivo. O cambio de ano sentoulle ben a Lucas Pérez, que marcou dous e foi o factor desequilibrante para que os de Idiakez sumaran os tres puntos diante do filial da Real Sociedade, do que se poñen a un só punto.
Non puido comezar o partido de mellor xeito, cunha asistencia de Yeremay que aproveitou o de Monelos no minuto 4.
A Real Sociedade non perdera como visitante e gozou dalgunha boa ocasión pero Lucas estaba de doce. Avisou cun remate que foi a saque de esquina e no 29 anotou o segundo con certa dose de suspense.
O segundo tempo cambiou de xeito radical. Magunazelaia recortou diferenzas para a Real no 55 e no 63 o colexiado anulou por fóra de xogo un gol de Azkune que parecía legal.
Para colmo de males, o Deportivo quedou con dez por expulsión de José Ángel, que se mancou nesa mesma xogada. Tivo que sufrir e aguantar os nove minutos que houbo de engadido pero logrou un triunfo vital co que segue escalando posicións.