Detido un home en Palma acusado de matar a coiteladas unha muller en presenza da súa filla
Detido un home en Palma acusado de matar a coiteladas unha muller en presenza da súa filla
Detivérono no coche cando levaba dentro o cadáver da muller e mais a nena ferida
A Policía detivo este martes en Palma un home acusado de matar a coiteladas unha muller en presenza da súa filla de 3 anos. A meniña atopárona ferida xunto á vítima nun coche tras un accidente de tráfico.
Sobre as tres da tarde produciuse unha colisión entre dous vehículos.
Ao chegar ao lugar do suceso, os equipos sanitarios e a Policía atoparon dentro dun dos coches accidentados unha muller sen vida con signos de ser acoitelada repetidas veces e unha nena ferida, e detiveron o condutor.
Descoñécese, por agora, se a agresión se produciu no vehículo ou nalgún outro lugar.
A filla da vítima foi trasladada de urxencia ao Hospital Universitario Son Espases polos traumatismos sufridos no accidente.
A condutora do outro vehículo implicado, de preto de 40 anos, sufriu un traumatismo facial e foi desprazada con prognóstico reservado ao hospital.
A Policía Nacional fíxose cargo do arrestado e investiga a relación entre a vítima mortal e o presunto homicida, así como o posible vínculo do home coa nena ferida.
De confirmarse que houbo relación de parella, sería a primeira muller vítima mortal por violencia machista en Baleares desde 2021.
No que vai de ano, 44 mulleres morreron asasinadas polas súas parellas ou exparellas.