Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido un home de 76 anos polo suposto asasinato da súa muller, de 74, na Coruña

Detido un home de 76 anos polo suposto asasinato da súa muller, de 74, na Coruña

O suposto crime produciuse a noite do pasado xoves ao venres

A autopsia determinou que a vítima faleceu por asfixia a pesar de que o detido asegura que a atopou morta

O detido pasou a disposición xudicial e ingresou en prisión

18 da avenida Gran Canaria da Coruña, onde se produciu o presunto asasinato (EFE/ Moncho Fuentes)
G24.gal 05/08/2024 09:34 Última actualización 05/08/2024 14:35

A Policía Nacional detivo un home de 76 anos polo suposto asasinato da súa muller na Coruña, segundo informaron da investigación.

O suposto crime produciuse no barrio de Labañou a noite do pasado xoves ao venres na cidade e a vítima é unha muller de 74 anos, de nome Mercedes.

A Policía Nacional detivo o marido tras pechar a investigación na tarde do venres.

Foi posto a disposición xudicial o sábado á tarde, e a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña decretou o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, como investigado por un suposto delito de homicidio.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, relatou tras unha concentración na Coruña de repulsa por este crime, que o suposto autor alertara a policía o venres á mañá para dicir que atopara morta a súa muller.

Na súa chamada explicaba que durmían en cuartos separados e que pola noite sentira un golpe e fora ver e atopara a muller no chan, e que como pensara que caera da cama tapouna cunha manta. Xa pola mañá dixo que se dera de conta de que estaba morta.

Ese mesmo venres á tarde foi detido, logo de que a autopsia ditaminara que a morte da muller fora por asfixia.

Tras un minuto de silencio convocado pola Delegación do Goberno en Galicia, María Rivas enviou o "afecto e o agarimo" do Executivo á familia da vítima.

Tamén a alcaldesa da Coruña, Ines Rey, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, condenaron este crime e expresaron a súa solidariedade coa vítima e os seus achegados.

Ademais o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a través da rede social X enviou "todo o meu cariño para a familia e amigos da muller asasinada". "Unha sociedade xusta e avanzada é incompatible coa violencia de xénero", afirmou Sánchez.

O Ministerio de Igualdade confirmou como crime machista este asasinato, o que eleva a 28 o número de vítimas mortais da violencia de xénero este ano, e a 1.272 a cifra desde que comezaron os rexistros, en 2003.

Segundo a información facilitada por Igualdade, non había denuncias previas por violencia de xénero contra o presunto asasino, de 76 anos e nacionalidade española, e a parella non tiña fillos menores de idade.

Trátase, ademais, do segundo asasinato por violencia de xénero ocorrido en Galicia este ano, despois do rexistrado en marzo na localidade coruñesa de Ribeira, onde un home acabou coa vida da súa exparella na casa dela en Palmeira. Ambos contaban con 24 anos e tiñan un fillo en común de pouca idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade