O detido por matar unha muller en Almería tentou queimar o cadáver
O detido por matar unha muller en Almería tentou queimar o cadáver
O home, que primeiro declarou na comisaría que "presenciara un homicicio", acabou confesando a autoría do crime
O home que foi detido e ingresou en prisión provisional despois de que confesara ante a Policía Nacional ser o presunto responsable da morte violenta dunha muller en Almería tentou desfacerse previamente do cadáver queimándoo.
Así o indicaron fontes da Policía Nacional, que precisaron que o presunto feminicida presentouse o pasado luns 30 de decembro na Comisaría Provincial de Almería, onde nun primeiro momento comunicou que presenciara un homicidio.
Ao pouco acabou "derrotado" e recoñeceu que fora o autor do devandito homicidio, que asfixiara unha moza e logo tentara desfacerse do cadáver prendéndolle lume.
O home foi detido e o cadáver localizado pouco despois, tras o que este mércores foi posto á disposición do Xulgado de Instrución número 6 de Almería, que decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.
Aínda que outras fontes policiais e xudiciais apuntaron a EFE que, tal e como adiantou a canle de televisión Cuatro, a vítima e o detido coñecéronse a través da aplicación de citas Tinder, a Policía Nacional nega de forma oficial este extremo.
Neste sentido, desde a Comisaría Provincial aseveran que ambos os dous eran adictos a "determinadas substancias" e que o crime se produciu baixo os efectos destes produtos. Engaden que o presunto feminicida se presentou ante a policía unha vez se lle pasou o efecto dos mesmos.
Decretouse o segredo de sumario e a investigación segue en marcha por parte dos axentes do Grupo IV de Homicidios da Comisaría Provincial de Almería.
A vítima, cuxa identidade non transcendeu por completo, traballaba como camareira nun bar situado no barrio almeriense de Los Molinos e sería algo máis nova que o presunto asasino, que rolda a trintena.