Publicador de contidos
Publicador de contidos

Identifican nunha roda de recoñecemento os tres acusados pola morte de Yoel Quispe

Identifican nunha roda de recoñecemento os tres acusados pola morte de Yoel Quispe

A nai da vítima cre que hai máis persoas implicadas na agresión

G24.gal 30/12/2024 20:26 Última actualización 30/12/2024 20:58

Este luns celebrouse nos xulgados da Coruña unha roda de recoñecemento no marco da investigación do asasinato de Yoel Quispe. Un ano despois do crime, unha testemuña presencial identificou os tres acusados.

Yoel Quispe, español de orixe peruana de 22 anos, recibiu unha puñada mortal. Foi na Noiteboa de 2023 na céntrica rúa da cidade da Coruña onde a súa familia e amizades o lembraron coincidindo co aniversario do falecemento.

Maritza Yovana Gómez, nai de Yoel, di que o único que piden é xustiza. "Xusto nestas datas para min é duro, e non só nestas datas senón todos os días desde o día que pasou".

O presunto autor da puñada está en prisión provisional. Os outros dous acusados permanecen en liberdade con medidas cautelares.

A agresión mortal aconteceu no transcurso dunha pelexa onde había outras oito persoas. A familia considera que hai máis responsables.

A nai de Yoel agarda que os culpables paguen polo que fixeron. Mantén que "non son só tres, son máis. Desde o principio sempre o dixen e vese no video que se publicou e está a circular en redes".

O avogado da familia de Yoel, Adrián Borrajo, sinala que "neste caso hai dúas persoas que participaron, e así o defendemos desde o inicio, que deben estar imputadas formalmente no procedemento". 

A instrución do caso retomarase o vindeiro 23 de xaneiro con novas dilixencias e declaracións de máis testemuñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade