Once persoas detidas e cinco investigadas por fraude na ITV en Murcia
Once persoas detidas e cinco investigadas por fraude na ITV en Murcia
Entre os detidos e investigados están o director técnico, inspectores e persoal administrativo da estación ITV investigada, responsables de talleres e clientes habituais
Acúsanos de delitos de falsidade documental, contra a seguridade viaria, pertenza a grupo criminal e corrupción continuada entre particulares por pasaren a ITV a vehículos con fallos técnicos
A Garda Civil detivo once persoas en Murcia e investiga a outras cinco por daren como aptos na ITV vehículos con fallos técnicos
Entre os detidos e investigados están o director técnico, inspectores e persoal administrativo da estación da ITV investigada, responsables de talleres e clientes habituais, polos delitos de falsidade documental, contra a seguridade viaria, pertenza a grupo criminal e corrupción continuada entre particulares, segundo informa a Garda Civil.
A Garda Civil comezou a operación Mojita a principios do ano pasado, cando a Benemérita tivo coñecemento de actividades fraudulentas relacionadas coas inspeccións a vehículos.
Durante o desenvolvemento da operación constatouse que no mes de xullo se producira un accidente na autovía A-33, no que morreu un bebé de once meses.
Os especialistas da Unidade de Investigación de Seguridade viaria (UNIS) da Agrupación de Tráfico da Garda Civil verificaron que se trataba dun sinistro ocasionado polas deficiencias técnicas que presentaba o vehículo, xa que tiña os pneumáticos en mal estado e a orixe do sinistro foi o rebentón dun deles e a posterior perda do control do automóbil.
Os investigadores tamén comprobaron que a última inspección foi na estación de ITV investigada unhas semanas antes do accidente e que considerou apto o vehículo involucrado.
Ao longo da investigación descubriron numerosas de inspeccións fraudulentas, especialmente en vehículos de máis de 20 anos e con probabilidade de teren carencias técnicas, pero que recibían a aptitude na inspección sen cumpriren os requisitos mínimos de seguridade.
Os axentes tamén constataron que se facían inspeccións en cuestión de segundos, sen comprobar elementos esenciais, como os cintos de seguridade e os pneumáticos, e con prácticas irregulares, como a manipulación de vehículos durante o proceso de inspección.
Unha das consecuencias é a circulación destes vehículos sen as condicións técnicas mínimas de seguridade, co consecuente perigo que implica para os propios ocupantes do vehículo e para o resto de usuarios da rede viaria.
A Garda Civil continúa coa investigación para detectar e identificar máis vehículos cuxa inspección fose manipulada e coa finalidade de garantir a seguridade dos condutores.