Desartellan en Santiago unha estafa piramidal de millóns con produtos financeiros falsos
Desartellan en Santiago unha estafa piramidal de millóns con produtos financeiros falsos
Hai unha persoa detida e catro investigadas, polo momento
A investigación iniciouse en xaneiro de 2022 tras a denuncia interposta por dous administradores dunha empresa do sector da medicina estética despois de que un extraballador marchara para Italia cunha suma importante de cartos
Entre os investigados están os dous administradores da empresa de medicina estética utilizada de tapadeira
O Equipo Territorial de Policía Xudicial (ETPJ) da Garda Civil de Santiago de Compostela desartellou un grupo criminal responsable dunha estafa piramidal de varios millóns de euros, a través de produtos financeiros inexistentes.
De momento, está detida unha persoa e estanse investigando outras catro, no marco desta operación, levada a cabo polo Xulgado de Instrución 2 de Santiago.
A investigación da Garda Civil comezou en xaneiro de 2022, despois de que dous administradores dunha empresa interpuxeran unha denuncia na que comunicaban que unha persoa que traballaba para eles fuxira a Italia cunha suma moi elevada de diñeiro, supostamente procedente dunha estafa que realizara a numerosas persoas da comarca de Santiago de Compostela.
O detido para presuntamente estafar os clientes utilizou a cobertura desta empresa, que se dedicaba ao sector da medicina estética.
No transcurso da investigación, a Garda Civil constatou a existencia da estafa denunciada, así como o modus operandi da mesma, coñecido como “Esquema Ponzi” e que se caracteriza pola captación de investidores aos que se lles garante unha elevada rendibilidade nun curto prazo de tempo. As vítimas entregaban os cartos convencidos de que recibirán maiores beneficios.
Os estafadores gañan sempre porque o diñeiro recibido non se inviste, senón que se reparte entre os membros da banda, salvo unha pequena cantidade que se dedica a pagar as supostas ganancias aos investidores máis antigos, entre un 10 % e un 20 % do capital achegado, acrecentando con iso a convicción no investimento, que estes recomendaban a novos investidores a cambio de importantes comisións.
O grupo ofrecíalles aos supostos investidores a posibilidade de efectuar a entrega do diñeiro mediante transferencia a unha conta da empresa mencionada ou en metálico, opción coa que conseguiron captar grandes sumas de diñeiro cuxa procedencia legal non se puido acreditar.
Os axentes da Garda Civil detectaron que a banda criminal contaba con polo menos seis persoas contratadas pola empresa de medicina estética, dedicadas á procura de posibles investidores nas provincias da Coruña e Pontevedra, as cales recibían ademais do soldo suculentas comisións polos investimentos captados.
A Garda Civil constatou que o suposto cabeza da trama se trasladara a Italia en 2022, que regresara a España este ano pasado e que se instalara en Valladolid.
Coñecida a identidade e localizado, a Garda Civil detivo o presunto líder da banda e iniciou a investigación doutras catro persoas, entre elas están os dous administradores da empresa utilizada como cobertura da estafa. Están acusados dos delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal.