Detido un veciño da Pontenova por intento de homicidio e resistencia á autoridade
Detido un veciño da Pontenova por intento de homicidio e resistencia á autoridade
Presuntamente, atropelou un veciño, ameazouno cun coitelo e enfrontouse á Garda Civil
Varios coitelos de grandes dimensións, un puñal, unha machada ou unha pata de cabra son algunhas das armas que a Garda Civil lle comisou a un veciño da Pontenova acusado dun homicidio en grao de tentativa e de atentado e resistencia a axentes da autoridade.
Gardaba este arsenal no mesmo coche co que atropelou unha persoa tras discutir con outra a causa dun incidente de tráfico. Supostamente, berrou tamén coa vítima do atropelo e ameazouna cun coitelo de caza.
Daquela acudiron varias patrullas e foi cando, presuntamente, agrediu un dos axentes.
"Espetouse co seu coche contra un rapaz, pero por sorte non tivo consecuencias, e despois baixou cunha brosa e cun coitelo. Chegaron oito gardas e xa o esposaron. E no rexistro do coche apareceron máis armas brancas", di Loli López Gayoso, camareira dun bar próximo.
Os feitos tiveron lugar no barrio da Feira, na parte alta da vila. Trátase dunha zona habitualmente tranquila, polo que a lea e a presenza de varias patrullas da Garda Civil chamou a atención da veciñanza.
"Sentimos boureo de mozos novos e ao pouco chegaron patrullas e un guindastre para un coche. E botaron un anaco aí con discusións", relata un veciño. "Quedamos todos consternados, porque aquí estas cousas non pasan", engade Loli.
O detido, de mediana idade, xa tiña antecedentes penais. Así e todo, tras pasar a disposición da xustiza, quedou en liberdade con cargos.