Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dez anos de cárcere para un home que abusou de maneira continuada da neta da súa parella

Dez anos de cárcere para un home que abusou de maneira continuada da neta da súa parella

O tribunal explica que este home, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos", e aproveitando que a menor convivía coa súa avoa e con el, ademais de con os seus pais e irmáns, realizoulle de maneira continuada actos de contido sexual

Audiencia provincial da Coruña Audiencia provincial da Coruña
G24.gal 12/02/2025 15:41

A Audiencia de Pontevedra condenou a dez anos de cárcere un home que abusou sexualmente da neta da súa parella, episodios que se repetiron desde que a nena tiña sete anos ata que fixo os doce.

O acusado, que foi condenado como autor dun delito continuado de abusos sexuais con penetración a menor de dezaseis anos, deberá aboar 60.000 euros á vítima polos danos morais ocasionados.

Tras a súa saída de prisión deberá pasar outros dez anos en liberdade vixiada e non poderá achegarse a menos de 500 metros da vítima nin comunicarse con ela durante vinte anos.

Ademais, a sentenza inhabilítao durante vinte anos para exercer calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que implique contacto regular e directo con persoas menores de idade.

O tribunal explica que este home, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos", e aproveitando que a menor convivía coa súa avoa e con el, ademais de cos seus pais e irmáns, realizoulle de maneira continuada actos de contido sexual.

Estes episodios, segundo consta no relato de feitos probados, ocorreron no dormitorio da nena, na habitación do acusado, na cociña da casa e no lugar onde gardaban as cabras, aproveitando os momentos en que non había ninguén máis en casa.

O acusado sempre lle dicía á nena que non podía contar nada do sucedido a ninguén e só deixou de facelo cando a menor, xa con doce anos, insistiulle en que se continuaba realizándolle tocamentos, íallo dicir aos seus pais.

A nai da vítima denunciou os abusos meses despois de que estes terminasen.

Os feitos foron confirmados ante a o tribunal polo propio acusado, a quen os netos da súa parella trataban como o seu avó, e os maxistrados tamén destacaron a credibilidade do testemuño da vítima, un relato que foi corroborado polos informes psicolóxicos.

Neles recóllese que a declaración da menor contén "criterios de contido suficientes" para establecer que o relatado "é propio dunha memoria baseada en feitos vividos".

A pesar da confesión do acusado, esta sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade