Dimite o primeiro ministro irlandés: "Xa non sinto que sexa a mellor persoa para o posto"
Dimite o primeiro ministro irlandés: "Xa non sinto que sexa a mellor persoa para o posto"
O democristián Leo Varadkar asegura que a decisión é tanto por motivos persoais como políticos
Os tres partidos que integran a coalición de goberno non contemplan que a renuncia provoque a convocatoria de eleccións anticipadas
O primeiro ministro irlandés, Leo Varadkar, confirmou este mércores que presenta a súa dimisión á fronte do Goberno de coalición de Dublín e como líder do democristián partido Fine Gael.
A decisión tomouna despois de reunirse hoxe co seu Consello de Ministros e dúas semanas despois da sorprendente derrota da proposta do Executivo en dous referendos encamiñados a modernizar o concepto de familia e o papel da muller na sociedade.
Varadkar nunha comparecencia ante a prensa asegura que toma a decisión porque sente que xa non é "a mellor persoa para o posto" nin para lograr a reelección da alianza tripartita nas próximas eleccións.
A decisión, que incumbe tamén ao seu liderado no partido Fine Gael, é por razóns tanto persoais como políticas, segundo dixo. Subliñou que seguirá á fronte do Goberno ata que o Executivo e o Fine Gael elixan o seu sucesor en ambos os cargos.
"Creo que a reelección deste Goberno tripartito será o correcto para o futuro do noso país", sinalou Varadkar, de 45 anos, homosexual de orixe india, para sinalar que un novo taoiseach (primeiro ministro) estará mellor posicionado para lograr o obxectivo.
Varadkar defendeu o labor do Goberno de coalición entre conservadores do Fine Gael, centristas do Fianna Fáil e o Partido Verde, un executivo do que formou parte desde 2020, os dous primeiros anos como viceprimeiro ministro e os dous últimos como taoiseach.
A súa decisión causou sorpresa entre os seus colegas, pero segundo os analistas, as tres formacións coaligadas non prevén que a dimisión de Varadkar provoque a convocatoria dunhas eleccións xerais anticipadas, previstas en principio para 2025.
"Sei que isto foi unha sorpresa para moitos e unha decepción para min, pero espero que entendan a miña decisión. Nunca é o momento adecuado para abandonar un alto cargo, así que este é tan bo como calquera outro", apuntou.
O líder do Fine Gael foi elixido deputado en 2007 e xa ocupou o posto de primeiro ministro entre 2017 e 2020. Recentemente declarou que deixaría a política ao facer os 50 anos.