Irlanda elevará de 18 a 21 anos a idade legal para comprar tabaco
Irlanda elevará de 18 a 21 anos a idade legal para comprar tabaco
O Goberno prohibiu o ano pasado a venda de produtos de vapeo aos menores de 18 anos
O Goberno irlandés anunciou este luns que elevará dos 18 aos 21 anos a idade legal para comprar tabaco e outros produtos relacionados neste país.
O ministro de Sanidade, Stephen Donnelly, confirmou que presentará esta semana o proxecto de lei que, unha vez sexa aprobado, entrará en vigor en marzo do próximo ano.
"Realmente, a medida está pensada para os que teñen 15, 16, 17 anos, os que con 18 xa poden con relativa facilidade comprar cigarros. Pero se se eleva a 21 anos, terano un pouco máis difícil", sostivo o titular do ramo.
O ministerio de Sanidade tomou esta medida despois de analizar o estudo Tabaco 21, elaborado polo Real Colexio de Médicos de Irlanda e que destaca que a experimentación con estes produtos é maior entre os adolescentes de idades comprendidas entre os 15 e 17 anos.
Segundo este texto, o aumento da idade legal para a venda de tabaco reduciría o número de adolescentes e mozos que se "enganchan" á nicotina, á vez que podería reducir as taxas de tabaquismo entre os adolescentes máis novos nun 25 %.
A Fundación Cardiolóxica Irlandesa asegurou hoxe que a estratexia Tabaco 21 representa un "paso lóxico" na loita das autoridades contra este problema de saúde, despois de que o Goberno xa prohibiu o pasado ano a venda de produtos de vapeo aos menores de 18 anos cunha nova lei que impón multas de ata 4.000 euros e pena de cárcere de ata seis meses.
O Executivo de Dublín, de coalición entre democristiáns, centristas e verdes, tamén contempla agora unha nova lexislación para prohibir da venda de tabaco e produtos de vapeo en máquinas expendedoras.
A República de Irlanda xa se situou á vangarda para atallar esta adicción cando se converteu en 2004 no primeiro país do mundo que prohibiu o tabaco en todos os lugares públicos, como paso inicial cara ao obxectivo de lograr unha sociedade libre de fume para 2025.