Veciños de Elviña, atemorizados por tres cuadrillas que ocuparon a praza Ramón Colmeiro
Veciños de Elviña, atemorizados por tres cuadrillas que ocuparon a praza Ramón Colmeiro
Denuncian insultos, ameazas e enfrontamentos con persoas maiores, que demostran con vídeos
Piden a retirada dos bancos da zona para disuadilos e máis presenza policial
"Veño de pedirlles permiso aos meus pais para partirche a cara", berra unha rapaza, menor de idade, enfrontándose a un veciño maior.
Insultos, ameazas, verbais e mesmo físicas... barullo e sucidade.
"Métense coa xente, cos nenos, coa xente maior, sobre todo, veñen facer botellón, dróganse e deixan todo isto feito unha porcallada", comenta un veciño da praza.
"A miña cuñada insultárona canto puideron. A outra moza do primeiro puxéronlle os puños na cara ao pai. Se lle dicimos que teñen aí unha papeleira, o que me contestaron: "Vella do carallo, que lle quedan dous telexornais, que protesta?", engade de costas outra afectada.
Esta é a realidade que describen os veciños da praza Manuel Colmeiro da Coruña e cousas aínda máis graves, como se pode ver nunha fotografía que captaron.
"Vese un neno con dúas persoas ao que lle están ensinando a facer un porro", describe Leandro García, o presidente da Asociación de Veciños Elviña Dúas Fases, e engade: "Son cuadrillas de menores, que é gravísimo, e estamos mirando de denuncialo ante a Fiscalía de menores".
Apuntan a tres bandas, unha delas acompañada por un can de raza perigosa que levan solto. A veciñanza sente medo e inseguridade, polo que piden máis vixilancia policial e outra medida máis concreta. "A ver se polo menos nos sacan os bancos que hai na praza", apunta un veciño.
Bancos que se instalaron para comodidade dos maiores e das familias que viven na praza, moi acolledora por certo, pero que agora se converteu en refuxio dun grupo de vándalos.