Do gravame ao imposto á banca e ás enerxéticas: discriminatorio e inxustificado, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Do gravame ao imposto á banca e ás enerxéticas: discriminatorio e inxustificado, por Maite Cancelo
25 de novembro de 2022, apróbase o chamado impostazo ás eléctricas e á banca, que gravou durante os anos 2022 e 2023 as vendas destas compañías, cuxa facturación no ano 2019 foi de máis de 1.000 millóns de euros (con algunhas excepcións) cun tipo do 1,2 %.
A frase da ministra Montero naquel momento foi: “É tempo de que os bancos contribúan”, coma se non pagasen impostos. O argumento esgrimido era gravar beneficios extraordinarios derivados das subidas dos tipos de interese que estableceu o BCE para conter a inflación. Nese momento, a propia presidenta do BCE dubidou sobre se se gravaban realmente beneficios extraordinarios (aplícase a ingresos polo que non se ten en conta os custos) e alertou do efecto negativo que este tipo de medida pode ter sobre o crédito, xa que se poden trasladar ao cliente.
Á vez que se aproba o gravame á banca, apróbase outro para as empresas enerxéticas, o obxectivo sinalado polo goberno é similar: que paguen polos beneficios extraordinarios, neste caso, polo aumento dos prezos da enerxía como consecuencia da invasión rusa en Ucraína. Nesa época, o custo do MWh era de uns 200 euros.
Hai que lembrar que ambos os gravames tiñan un carácter temporal e extraordinario, pero o Goberno queríaos converter en permanentes e desde hai xa un mes vén falando de, como mínimo, prorrogalos.
As negociacións empezan e, na Comisión de Facenda da semana pasada, acordouse aumentar o imposto á banca ata o 7 % con condicións e por tramos en función dos ingresos das entidades.
Con relación ás enerxéticas, é o que xerou máis polémica, ante a falta de apoio de Junts, o Goberno ofreceu reducións ás empresas que fixesen investimentos en renovables, pero desde o sector alertouse que apenas chegarían ao 10 % ou 20 % das previstas. Ademais, Podemos opúxose a esta dedución. Con todo, chegouse a un acordo para poñelo en marcha nun Real Decreto que presentará o Goberno, para, así, obter o apoio de Podemos na votación no Congreso.
Consecuencias
Por unha banda, a Banca alerta do trato discriminatorio que a aprobación deste imposto terá con relación ás empresas doutros sectores, a perda de competitividade con relación aos bancos doutros países europeos, que non soportan esta carga, pero tamén a posibilidade de riscos no acceso ao crédito de PEMES e familias. Sinalan que os tipos baixaron e que hai riscos xeopolíticos que traerán necesidades de financiamento e o imposto compromete 50.000 millóns.
Doutra banda, a Comisión executiva do Club Español da Enerxía (ENERCLUB), que engloba máis de 150 empresas, volveu insistir en que de aprobarse un imposto destas características a perda en investimentos en enerxías verdes sería de máis de trinta mil millóns de euros, polo que iría en contra do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima liderado polo propio goberno de Sánchez. E, xa está cuantificada a perda en Cataluña, que sería de 14.000 millóns en investimentos. ENERCLUB sinala, ademais, que os prezos da enerxía actualmente baixaron aos 54 euros MWh e que este tipo de imposición resta estabilidade e claridade fiscal aos potenciais investidores.
A nivel individual as empresas tamén se pronuncian: Endesa xa falou da paralización de 9.500 millóns, Cepsa paralizou os seus investimentos hai un mes (incluído o Proxecto do Val Andaluz do Hidróxeno, considerado por Sánchez como estratéxico) e Repsol (a máis afectada) xa desviou un proxecto cara a Portugal que supón un investimento de 800 millóns. E isto non é máis que o comezo.
E, con toda esta lea de acordos e pactos, con uns e outros, moitos deles totalmente opostos, a aprobación do imposto á banca dentro do paquete fiscal e o compromiso do goberno de impulsar un para as enerxéticas o único que fan é crear incerteza ás empresas e aos investidores neste país e, por tanto, moito dano á nosa economía.