Dúbida clásica do Nadal: peixe e marisco, mellor conxelado ou fresco?
Dúbida clásica do Nadal: peixe e marisco, mellor conxelado ou fresco?
Hai un mes compensaba compralo e conxelado, pero agora xa non porque xa vai caro
Os prezos xa están disparados a uns días de Noiteboa pero subirán algo máis o martes
"Isto levámolo para conxelar", comenta unha clienta.
Últimas compras de marisco e peixe para as comidas do Nadal, pensando en conxelar. Pero paga a pena?
"A centola sempre o conxelamos porque cóllelo a mellor prezo e está boísimo igual", explica a muller.
"Agora mesmo non vale a pena xa conxelar. Valeu a pena hai un mes pero hoxe non porque xa está moi caro o fresco", rebate Ana Rodríguez, de Mariscos Patiño.
Canto de caro? Contestan os vendedores.
"A centola vai a 30 e a 35, o boi a 20 euros, a nécora a 40", detalla Begoña Fidalgo.
"O marisco xa está caro en por si porque este ano a centola foi carísima, a nécora cara tamén... non houbo un baixón grande e despois unha suba, mantívose cara dende que abriu porque non hai capturas, non hai cantidade", explica Luís Cardalda.
Por iso, moitos xa foron adiantando as compras.
"Teño pescada conxelada. Se agora hai fresco, dependerá do prezo. Se non, vai o que está na casa", adianta unha clienta da praza de Padrón.
"Levan para conxelar centola, boi, lumbrigante, vieira..., o de cuncha é o que menos levan para conxelar", sinala Fidalgo.
Como cociñalos para que eses conxelados saiban a mar na mesa de Nadal?
"Cózoo con auga, loureiro e sal e cando está cocido e frío, envólvoo nun pano húmido mollado na súa propia auga, envólvoo en papel e ao conxelador".
Falta sentar á mesa e gozalo.