Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dulsé Díaz: "Pedimos unha actuación contundente contra os bloqueos aos transportistas en Francia"

Dulsé Díaz: "Pedimos unha actuación contundente contra os bloqueos aos transportistas en Francia"

O secretario xeral adxunto da Confederación Española de Transporte de Mercadorías cifra nun mínimo de doce millóns de euros as perdas diarias para o sector

Pide que se deteñan os autores dos feitos e se responsabilicen dos danos ocasionados, porque "saben que van quedar impunes"

"Cada vez que un sector produtivo francés ten un problema, recorre ao de sempre: bloquear a fronteira", quéixase

G24.gal 30/01/2024 08:48 Última actualización 30/01/2024 10:00

O secretario xeral adxunto da Confederación Española de Transporte de Mercadorías, Dulsé Díaz, pide que os gobernos de Francia e de España, e incluso a UE, actúen con contundencia para resolver os bloqueos nas estradas galas polas protestas dos agricultores.

Díaz comentou no Galicia por diante da Radio Galega que esta pasada noite o ambiente estivo tranquilo, pero teme que o día se presente outra vez moi complicado, porque os agricultores teñen como obxectivo manter bloqueado París e que non se mova ningún camión.

Lembra Dulsé Díaz que os datos do Ministerio de Transportes falan de 20.000 camións que cruzan a fronteira a Francia diariamente. "Dende o mércores pola tarde practicamente non se move ningún. A inmensa maioría porque non lles deixan e outros por medo a represalias", di Díaz.

"Como vimos nos medios de comunicación, son brutais, e penso que este é un tema que a maioría dos españois temos na retina durante décadas", explica, lembrando que os problemas cos agricultores franceses non son novos.

Incide o secretario xeral adxunto da CETM en que se calculan perdas diarias de doce millóns de euros calculando 600 euros de facturación media por camión, e iso sen ter en conta os danos nos vehículos nin o prezo das mercadorías que se estraguen.

Dulsé Díaz asegura que se lles enviaron cartas aos ministros do Goberno de España, pero que aínda non teñen resposta. "Pedimos a intervención do Goberno español, pero tamén do Goberno francés, que é o territorio onde se cometen estes ataques".

Quéixase de que o Executivo galo "non fai absolutamente nada" e de que os asaltantes "actúan a cara descuberta" sabendo que se ven impunes. Di Díaz: "Cóntannos os transportistas, moitos deles galegos, que cando tentan poñer denuncias non llelas admiten na Xendarmería. É unha vergoña".

Pide tamén a intervención da Unión Europea, que é a que debe garantir o libre tránsito de mercadorías, un dos piares da UE.

Explica Dulsé Díaz que o principal problema dos bloqueos prodúcese na fronteira, pero que son máis duros e intensos que outras veces. Anteriormente, os camioneiros buscaban rutas alternativas cara ao seu destino, pero nesta ocasión bloquean outras rutas tamén unha vez detectan circulación por elas.

Di Díaz: "Hoxe as autoridades catalás xa nos avisaron do posible peche do acceso da Jonquera, porque non caben xa máis camións nos aparcadoiros".

O problema non se dá só nas exportacións cara a Europa, senón tamén nas importacións: "O bloqueo é en ambos os sentidos, aínda que o que máis lles preocupa son os produtos hortofrutícolas de España, pero o bloqueo tamén é do retorno dos camións, porque esta xente bloquea estradas e autoestradas nos dous sentidos".

Dulsé Díaz conclúe que a situación é de total incerteza e que non ten nin remota idea de canto durará. "A incerteza non é boa. Moitas das mercadorías son perecedoiras e, aínda que os camións teñen sistemas de refrixeración extraordinarios, todos sabemos que a duración dos produtos non é eterna".

Volve reclamar "unha actuación contundente das tres partes implicadas: España, Francia e a Unión Europea" e di que a situación non se pode eternizar, porque os propios convocadores din que non van parar ata que non obteñan o que queren.

O problema, di, téñeno co Goberno francés: "A Unión Europea ten unhas normas comúns para todos os produtores, pero o Goberno francés endureceu as condicións dos seus e o problema téñeno alí".

Quéixase Díaz de que cada vez que algún sector produtivo francés ten algún problema, recorren ao de sempre: bloquean a fronteira e saben que van quedar impunes. Por iso, pide que se deteñan os autores e se responsabilicen dos danos ocasionados. Así, di, pensarán se volver facelo. Con todo, teme que non haxa unha solución definitiva e dentro duns meses o volvan chamar porque outro camión español foi atacado na fronteira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade