Eduardo Pascual: "Imos tentar clasificar para Europa. Ir a un play off, por que non?
Eduardo Pascual: "Imos tentar clasificar para Europa. Ir a un play off, por que non?
Raúl López si confirmou que o orzamento está aprobado e trazado, e que crecerá
Eduardo Pascual cumpriu co protocolo da presentación oficial na sala de prensa de Sar. Foi xogador ata os 30 anos, fixo a carreira de xornalismo, ten un máster en administración de empresa e é adestrador titulado. Pero desde que deixou as canchas sempre se dedicou á xestión deportiva. Iniciou a súa intervención agradecendo a oportunidade que se lle presenta:
"A chamada do Obradoiro é un agasallo. É un agasallo para un profesional vir a un club con esta traxectoria, tantos anos na liga ACB, un club consolidado, un club que chama moito desde fóra a calquera".
O propósito co que chega, e o que lle trasladaron desde a entidade, é o de tratar de seguir subindo banzos:
"É un reto importante, dos chulos. Significa un paso máis na miña carreira e un paso importante. Os obxectivos do club son os de seguir crecendo, de seguir mellorando e de ser un pouquiño máis ambicioso no bo traballo feito durante todos estes anos na ACB tamén. É estimulante. Veño como un dianteiro centro para rematar os pases e meter moitos goles".
Pascual, no seu discurso, tratou de facer un difícil equilibrio entre a ambición e a prudencia cando se lle pediu que fose un pouco máis concreto respecto a os obxectivos do club:
"O primeiro, continuar coa permanencia na categoría. O segundo, tentar dar un paso máis para seguir crecendo. Durante moitos anos o traballo foi excelente, para facer un edificio moi ben construído. Igual agora temos que facer unha azotea ou un ático máis en liña crecente. Vós falades de Europa, pois imos tentar clasificar para Europa. Imos tentar ir a un play off, por que non? Igual unha boa tempada significa xogar ben, ilusionar á xente, o facer bos partidos. Hai que tentar sempre ser un poquitín mellor, non de súpeto ser un moitísimo mellor".
Raúl López si confirmou que o orzamento está aprobado e trazado, e que crecerá: "Non é inferior ao que tiñamos". Pero non quixo concretar cifras.
O presidente do Obradoiro tamén falou da continuidade de Moncho Fernández:
"A idea de todos é que continúe. Hai que ter unha xuntanza con el porque igual el non quere continuar. Pero ese é o paso".