Emotivo adeus do liceísmo a Jordi Bargalló, lenda do club durante doce anos
O Liceo remontou o 0-2 inicial do Noia e acabou gañando por 4-2 na despedida de Riazor do xogador catalán
O Deportivo Liceo consolida a súa segunda posición na OK Liga tras unha traballada vitoria ante o Noia en Riazor. Nos prolegómenos houbo homenaxe a Jordi Bargalló, quen anunciou a súa retirada a final desta temporada. Bargalló estivo doce anos no Liceo nos que se converteu en capitán e mito do conxunto coruñés. Gañou tres Copas de Europa, unha CERS, unha Intercontinental, unha OK Liga ou unha Copa.
Logo, o equipo catalán situouse cun cero a dous a favor mediado o primeiro tempo cos goles de Antoni Salvadó e Iván Morales. Pero o Liceo conseguiu igualar antes do lecer grazas aos tantos de Fabricio Ciocale e Arnau Xaus. Os de Juan Copa culminaron a remontada co gol de Bruno Saavedra ao pouco do reinicio. Preto do final, Xaus sentenciaba co catro a dous definitivo. O Liceo ten xa sete puntos de vantaxe respecto ó Reus, o terceiro clasificado.