Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francia quere prohibir que os pais suban fotos dos fillos a redes sen o seu consentimento

Francia quere prohibir que os pais suban fotos dos fillos a redes sen o seu consentimento

"Debemos aprender a manexar correctamente as imaxes dos fillos, que teñen dereito á súa imaxe", di Branca Francisco de Araújo, psicóloga

G24.gal 18/04/2023 14:12

Francia prepara unha lei na que os proxenitores serán os responsables de garantir o dereito á privacidade dos menores, de xeito que se prohibirán difundir fotos dos fillos en redes sociais sen o seu permiso.

Hai proxenitores que o teñen moi claro. "Non colgo fotos dos meus fillos. Estou en contra desa práctica", di unha muller.

Pero non é así en todos os casos e hai menores que antes de chegar á adolescencia teñen xa unha pegada dixital de milleiros de vídeos e fotos persoais. Imaxes que, unha vez publicadas, poden difundirse sen que os propios pais teñan xa o control.

"Esas fotos poden aparecer despois en calquera sitio e chegan os problemas e os desgustos", di outra.

Nin a utilización que desas imaxes se farán no futuro. Agora parécenos simpática a foto do pequeno coa cara manchada de chocolate, pero de maior pode sufrir por exemplo un trastorno alimentario e alguén pode utilizala para un comentario daniño. 

A psicóloga Branca Francisco de Araújo di que aínda que o fagamos coa mellor das intencións non podemos controlar o uso que logo se fará nas redes sociais.

"Os pais debemos aprender a manexar correctamente as imaxes dos fillos que teñen dereito á súa imaxe", afirma. "O que se fai en redes é enviar fotos sen saber ben a quen nin onde van parar nin canto se van difundir".

En Francia son pioneiros na elaboración dunha lei para limitar a difusión da imaxe dos fillos. En España aínda non hai marco legal pero si xa xurisprudencia ao respecto.

María Sierra, avogada especialista en Dereito de Familia, di que "esta lei como tantas outras nace dunha necesidade social que xorde de situacións novas para todos. As leis sempre van por detrás da sociedade. Nacen as redes sociais, empezamos a utilizalas e aparecen delitos nalgúns casos ou un uso inadecuado da imaxe".

O proxecto de lei francés establece o dereito ao esquecemento para que as imaxes e vídeos poidan borrarse cando queiran.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade