Encontra unha carteira con máis de mil euros en Carballo e entrégaa na Policía Local
A policía localizou o dono do billeteiro, un veciño do concello de 92 anos
Un nonaxenario veciño da parroquia de Razo foi ao baño do mercado de Carballo, e ao acabar marchou e alí lle quedou a carteira.
O seguinte usuario do aseo público encontrouse coa billeteira.
"E veunos preguntar polo conserxe do mercado para darlle a carteira. Como o conserxe non estaba, dixo se nola deixaba a nós, e dixémoslle que, estando alí a Policía Local, o mellor era que fose directamente a eles, porque encontraría o dono máis pronto ca nós. E levouna. E hoxe soubemos que nela había 1.005 euros, que ninguén sospeitaba que tivese nada, porque non se mirou", explica Carmen Calvo, traballadora da cafetería do mercado.
A Policía Local de Carballo entregoulla ao seu dono, que recuperaba os cartos grazas á bonhomía dun octoxenario da veciña parroquia de Berdillo. Ese home rexeitou calquera tipo de protagonismo mediático, probablemente porque considera o que fixo como algo corrente. Como pensan máis.
Varias persoas din que farían o mesmo, entregar a billeteira na policía. A última conclúe: "É o que se debe facer. Non cres?".
Pois, aí queda a cuestión sobre algo que tivo moi claro o carballés que onte á mañá encontrou a carteira cos 1.005 euros no aseo do mercado.