Publicador de contidos
Publicador de contidos

España e o Reino Unido non apoian o envío a Ucraína de bombas de acio dos EUA

España e o Reino Unido non apoian o envío a Ucraína de bombas de acio dos EUA

O presidente norteamericano, Joe Biden, comeza este domingo unha visita a Europa

A ministra de Defensa, Margarita Robles, dixo que a decisión non é da OTAN
G24.gal 08/07/2023 20:36 Última actualización 08/07/2023 21:15

De sobra son coñecidos os efectos devastadores da bomba de acio ou de fragmentación que, por si soa, pode afectar uns trinta mil metros cadrados de terreo.

Cada bomba destas pode levar ducias, ou centos, de pequenas bombas, moitas das cales non estoupan pero seguen activas ata cincuenta anos despois.

Aínda que as tropas rusas e ucraínas xa están empregando estas armas, a situación pode complicarse aínda máis tras a decisión estadounidense de facilitarlle máis unidades ao exército ucraíno. 

España e o Reino Unido contra o envío 

A convención internacional que prohibe estas armas foi asinada por 123 países, entre os que non están nin os Estados Unidos, nin Rusia, nin Ucraína.

A decisión do presidente Biden foi cuestionada por boa parte dos seus aliados, aos que agora se suman o primeiro ministro británico, Rishi Sunak, e a ministra de Defensa española, Margarita Robles.

"Estamos en contra do envío de bombas de acio e, insisto, esa é unha decisión que toma un país soberano ao que respectamos, pero non é unha decisión da OTAN", afirmou a titular de Defensa.

Rusia di que nos achega á terceira guerra mundial

O ministro de Defensa ucraíno asegurou que non empregarán as bombas de acio en territorio ruso.

Pola súa parte, o goberno de Vladimir Putin dixo que o envío é un xesto desesperado tras o fracaso da contraofensiva, un xesto que, segundo o vicepresidente do consello de seguridade ruso, achéganos de novo a unha terceira guerra mundial. 

A polémica será, sen dúbida, abordada polo presidente dos Estados Unidos na visita a Europa que Joe Biden comeza este domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade