España gaña o Eurobasket logo dunha gran final contra Francia
España gaña o Eurobasket logo dunha gran final contra Francia
A selección de Scariolo consuma a sorpresa derrotando a Francia por 88 a 76
É a sétima medalla consecutiva de España nos europeos
A selección española consumou a sorpresa na final de Berlín. O combinado de Sergio Scariolo, inmerso en pleno proceso de renovación, que se presentou no campionato fuxindo da presión dos favoritos, foi pasando eliminatorias ata presentarse na final eliminando á anfitrioa na penúltima rolda.
Na final sorprenderon a Francia desde o inicio. O acerto no lanzamento de tres foi determinante nas sucesivas vantaxes, que foron medrando ata situarse por riba dos vinte puntos no segundo cuarto.
A reacción dos franceses antes e deSpois do descanso, cun parcial de 2 a 20 que obrigaba a pedir un tempo morto a Scariolo con 49 a 46, abría un novo escenario na final.
Pero á volta do tempo morto, España volveu abrir unha fenda cun 9-0 que lle devolvía o favoritismo. No último cuarto, os españois aseguraron o triunfo, que os mantén, malia á retirada da maioría dos membros da súa época dourada, no máis alto.