Galicia, en aviso amarelo por vento e laranxa en todo o litoral
Galicia, en aviso amarelo por vento e laranxa en todo o litoral
Zonas de montaña e do interior rexistran temperaturas por debaixo dos -5 graos
Galicia continuará este mércores cunha alerta laranxa activada en todo o seu litoral por temporal, á que se sumarán avisos amarelos por todo o territorio da comunidade por ventos que poderían alcanzar os 80 quilómetros por hora.
Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, a alerta de nivel laranxa vixente desde este martes prolongarase nas próximas xornadas da Semana Santa e afectará tamén á comarca da Mariña. Ata o momento, só estaba activada nos litorais da Coruña e Pontevedra. Espérase que poida haber mar combinado do oeste e do noroeste, con ondas de ata sete metros, e ventos de forza 7 ou 8.
Todo o territorio galego terá un aviso amarelo a partir das 9:00 horas da mañá por fortes refachos de vento que poden acadar os 70 ou 80 quilómetros por hora.
Para o Xoves Santo, a situación no mar manterase con esa alerta laranxa por temporal, aínda que en terra non se prevé ningunha situación adversa en relación co vento. Para esa xornada está previsto que Aemet active un aviso amarelo por precipitacións no interior da provincia de Pontevedra.
Baixas temperaturas
Galicia atravesa esta semana Santa unha situación de tempo inestable que está a deixar temperaturas máis baixas do habitual para ser finais dun mes de marzo e o comezo da primavera.
Segundo os valores rexistrados por Meteogalicia, zonas do interior e da montaña notificaron temperaturas inferiores aos 5 graos baixo cero como o municipio ourensán da Veiga, onde a estación de Xares rexistrou -7,7 graos pasadas as 4.00 da madrugada.
Sobre esa hora, Cabeza de Manzaneda notificou -6,9 graos e, pouco antes, había -6,1 en Lardeira, Carballeda de Valdeorras. Con todo, as temperaturas negativas tamén chegaron a municipios do interior das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, nos que puntualmente houbo nevaradas.