Ethel Vázquez reclámalle ao Goberno 140 millóns para arranxar o firme da A-6
Ethel Vázquez reclámalle ao Goberno 140 millóns para arranxar o firme da A-6
A conselleira de Infraestruturas aponlle ao Ministerio de Transportes "falta de mantemento das estradas estatais"
Apoia os concellos polos que atravesa a AP-9 na súa reclamación do IBI a Audasa e pídelle ao Goberno que se sume
Amosa preocupación pola situación dos camioneiros galegos afectados polas protestas dos agricultores franceses
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, cifra nuns 140 millóns de euros o investimento preciso para arranxar o firme da autovía A-6, unha autovía que cualifica como "enferma".
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Ethel Vázquez falaba do "clamoroso" mal estado do firme desta autovía que conecta Galicia coa Meseta e tamén apunta a que a A-52 está en malas condicións.
"O firme está en clamoroso mal estado e son 140 millóns os que estiman os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para que a autovía A-6 estea en condicións axeitadas de firme", explicou.
Esta situación, sinalaba, unida á falta de concreción por parte do Goberno para a reconstrución total da A-6 tras o colapso do viaduto do Castro ou a "falta de información" sobre problemas nos servizos ferroviarios, leva a Ethel Vázquez a descualificar o traballo desenvolvido polo Ministerio de Transportes nos últimos anos e tachalo "do peor momento da historia".
"A A-6 é unha autovía enferma, a A-52 tamén ten problemas importantes no firme, o resto de estradas nacionais tamén. O certo é que vemos que o Goberno socialista de Madrid, de Pedro Sánchez, levou ao Ministerio de Transportes ao peor momento da historia do Ministerio porque vemos un ministerio que deseña trens que non caben túneles, viadutos que colapsan".
En materia de estradas, a conselleira de Infraestruturas tamén expresou o seu apoio aos concellos polos que atravesa a AP-9 na súa reclamación do IBI -Imposto de Bens Inmobles- á empresa concesionaria, Audasa. Ethel Vázquez pídelle ao Goberno que se sume á demanda para conseguir que Audasa empece a pagar este imposto.
A conselleira lembrou que a reclamación vén da man dunha "xuntanza liderada polo alcalde de Abegondo -do Partido Popular- que xuntou a todos os alcaldes" e engadiu que non só a comparten, senón que a apoian porque "as estradas competencia do Goberno galego si pagan o IBI aos concellos por onde transitan" e pídelle "ao Ministerio de Transportes que se una" e a concesionaria comece a pagar canto antes ese IBI".
Na entrevista, a conselleira tamén expresou a súa preocupación pola situación dos camioneiros galegos afectados polas protestas dos agricultores franceses. Pide que, de manterse a situación, o Goberno central medie co seu homólogo francés para buscar solucións pra un transporte vital como o de mercadorías por estrada.