Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ethel Vázquez: “Convocáronnos o 15 de novembro para explicar as causas do colapso da A-6”

Ethel Vázquez: “Convocáronnos o 15 de novembro para explicar as causas do colapso da A-6”

A conselleira de Infraestruturas pídelle ao Goberno que lles faciliten informes técnicos para preparar a cita

Urxe ao Goberno central a concretar compromisos co AVE Vigo-Porto no Cumio Hispano-Luso do 4 de novembro

A Xunta estenderá o modelo de transporte metropolitano a 119 concellos do rural galego a mediados de 2023

G24.gal 30/10/2022 08:24 Última actualización 30/10/2022 14:38

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegura na Radio Galega que o Goberno central ten previsto explicarlles o 15 de novembro á Xunta de Galicia e á de Castela e León as causas do colapso do viaduto do Castro na A-6 e as previsións sobre o arranxo desta infraestrutura.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vázquez matiza que esta data pode ser provisional porque xa mudou en varias ocasións pero agarda que sexa definitiva. A conselleira de Infraestruturas admite que están “expectantes” polas explicacións do Ministerio de Transportes e que agardan que lles comuniquen a “planificación concreta para informarnos das previsións para restablecer integramente a A-6”.

Así mesmo, para poder achegar “cuestións pertinentes” e que a “xuntanza sexa produtiva”, Ethel Vázquez pídelle ao Goberno que lles remita previamente informes técnicos para “podelos ter analizados” antes da participar na videoconferencia. 

"Estamos convocados para o próximo 15 de novembro por videoconferencia xunto con Castela e León e agardamos que sexa a data definitiva para que poidamos coñecer eses informes técnicos, que se nos explique con concreción e con solvencia". 

Ethel Vázquez tamén cuestionou a falta de partidas específicas para o arranxo do viaduto nos Orzamentos do Estado do ano que vén. Unha ausencia que para a conselleira evidencia que lle "importa moi pouco ao Goberno de España a reconstrución do viaduto da A-6" e tamén evidencia a súa "falta de transparencia" á hora de abordar o asunto. 

Cumio hispano-luso de Viana de Castelo

Con vistas ao cumio hispano-luso que se celebrará en Viana do Castelo o próximo 4 de novembro, a conselleira de Infraestruturas xulga crucial que o Goberno de España "por fin ratifique o seu compromiso real coa alta velocidade Vigo-Porto”.

Na súa opinión é preciso que se fixen “investimentos concretos para desenvolver esas obras e investimentos  acorde á planificación e cronograma que queremos que nos presenten”. Neste asunto, a conselleira Vázquez destacou as diferenzas de actitude que di atopar entre o Goberno portugués e o español.

Mentres no portugués aprecia unha “aposta decidida” e “vontade real”, no lado español bota en falta partidas para conseguir mellorar esa infraestrutura. Nesa liña fala de partidas “insignificantes” para avanzar na saída ferroviaria sur de Vigo nos Orzamentos do Estado do ano que vén.

Á marxe deste asunto, tamén di agardar que se avance no proxecto da ponte internacional sobre o Miño á altura de Salvaterra.

Orzamentos xerais do Estado

A conselleira de Infraestruturas teima na súa crítica ás partidas consignadas para Galicia o ano que vén nos Orzamentos Xerais de Estado. Fala de frustracións por “ausencias importantísimas” e cita como exemplo a cantidade consignada para o AVE por Cerdedo mentres –compara criticamente- “hai fuga de investimentos cara ao corredor mediterráneo”. 

Así mesmo,  igual que -dixo- fará a Xunta nos seus orzamentos de 2023, Vázquez pide emendas no Orzamento do Estado que favorezan a conxelación de peaxes nas autoestradas estatais que hai en Galicia caso da AP-9 e a AP-53. 

Galicia, área de transporte única

A conselleira de Infraestruturas defendeu os máis de 578 millóns de euros que o seu departamento terá para o ano que vén no marco do presuposto autonómico. Entre as medidas contempladas figura activar a mediados de 2023 a denominada Área de Transporte Única.

A idea, explicou, é estender o modelo de transporte metropolitano que hai nas áreas das cidades grandes ao rural galego. Un “modelo único de tarifas igualitarias vivas onde vivas”. Con esta área fusionaremos as áreas metropolitanas co rural de Galicia”.

A idea é que nesa primeira fase se adhiran 119 concellos de menos de dous mil habitantes. Sería, explicou, un “impulso ao plan social de transporte público por estrada” que promove a Xunta. 

"Esa Área de Transporte Única de Galicia na que fusionaremos as áreas metropolitanas co rural de Galicia. Tarifas únicas, modelo único. Agardamos que sexa a mediados deste ano 2023, os primeiros en adherirse van ser 119 concellos".

Alerta por seca

A conselleira de Infraestruturas calcula que nunhas semanas máis se poderá confirmar se Galicia está fóra da alerta por seca. Vázquez cualifica de “alivio” as chuvias caídas estes días pero di que hai que facer seguimento para concretar e contrastar e logo poder afirmar que a alerta está desactivada. 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade